Un simposio afonda na figura de Xaime Illa Couto

Esta quinta e sexta feiras, días 20 e 21, a Facultade de Filosofía da USC acolle o Simposio Internacional Xaime Illa Couto: raíz e utopía de Galicia. Trátase do acto co que a fundación homónima  finaliza os actos en conmemoración do centenario do nacemento do académico, economista, avogado e catedrático da Universidade.

Imaxe do cartaz das xornadas (o seu orixinal é de Xurxo Lobato)
photo_camera Imaxe do cartaz das xornadas (o seu orixinal é de Xurxo Lobato)

O 23 de outubro de 1915 nacía en Compostela Xaime Illa Couto. Para conmemorar o cen aniversario do seu nacemento, a fundación que leva o seu nome desenvolveu un amplo programa de actividades entre 2015 e 2016 que ten a súa fin no Simposio Internacional Xaime Illa Couto: raíz e utopía de Galicia, que se desenvolve esta quinta e sexta feira (20 e 21 de outubro) na Facultade de Filosofía da USC.

En declaracións a Sermos Galiza, Xosé Luís Pastoriza, do comité organizador, explica que o simposio “nace da necesidade de difundir unha das figuras do galeguismo histórico menos coñecida”. Así, coas palestras recuperarase o seu protagonismo no galeguismo republicano, nas Mocedades Galeguistas ou nos Ultreia, así como o seu papel no deseño e proxecto da Editorial Galaxia e dentro do pensamento económico galego, segundo sinala Pastoriza.

Aliás, o membro do comité organizador salienta que a Fundación Xaime Illa Couto convidou “un gran panel de investigadores e expertos que teñen estudado a figura de Illa Couto e que sacaron á luz documentos e dados que tamén poñen de manifesto o seu protagonismo no deseño ideolóxico en que se materializará o proxecto político e cultural que representou Galaxia”.

Con este simposio, organizado “desde un punto de vista plural, e con diversas achegas para estabelecer o debate e o diálogo”, preténdese afondar no "coñecemento parcial" que ten a sociedade dun home que foi académico e catedrático de Economía e Dereito da Empresa da Escola de Peritos Industriais de Vigo. A reivindicación da súa figura e do seu contexto é un dos obxectivos dun programa que abrangue múltiplas facetas de Xaime Illa Couto: o seu galeguismo político, cultural, social e relixioso e o seu pensamento humanista e renovador da economía.

Panel de expertos e expertas

Carlos A. Baliñas, Uxío-Breogán Diéguez, Justo Beramendi, Miguel Barros, Ramón Villares, Carlos Fernández, Alba Iglesias, Xosé Luís Pastoriza, Pepe Barro, Xoán Carmona, Miguel Anxo Bastos, Xavier Martínez Cobas, Quico Domínguez, Xosé Fernández Lago, Marcelino Agís, Víctor Freixanes, Xosé Luís Franco, María Dolores Villanueva, Xosé Carlos Morell e Camilo Nogueira forman parte do panel de expertos e expertas na figura de Xaime Illa Couto.

Comentarios