O Sestercio da Caetra xa fai parte do Museo de Lugo

Só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, recepcionando a moeda.
photo_camera A deputada de Cultura, Iria Castro, recepcionando a moeda.

A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, recepcionou o Sestercio da Caetra ou Sestercio de Augusto, un acto  co que se formaliza a incorporación ao Museo de Lugo desta moeda, declarada Ben de Interese Cultural no mes de setembro de 2022 e practicamente única, xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo. A compra desta peza supón a súa incorporación ao patrimonio público. 

Castro explicou onte que “coa recepción, conclúe a compra da moeda que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo comezou a xestionar a finais do ano pasado, con Maite Ferreiro como responsábel de Cultura, co obxectivo de incorporar ao Museo de Lugo unha peza única, de gran valor histórico e simbólico para a Galiza”. 

A deputada de Cultura sinalou que o Museo é o mellor espazo posíbel para conservar e expoñer esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización e destacou que "a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, unha das máis completas de todo o Estado”.
 

 

O Sestercio da Caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galaicos presente nas esculturas de guerreiros atopadas na Galiza e no norte de Portugal-, no reverso. As achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.

O Sestercio da Caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro de orixe visigoda.  

 

Comentarios