Que aconteceu con Fuxan os ventos? Este sábado, no 'Sermos Galiza'

Aliás, entrevistamos o prolífico gaiteiro Carlos Núñez. 64 páxinas por tres euros... Non o perdas!
Reportaxe de Iago Suárez sobre a banda Fuxan os ventos.
photo_camera Reportaxe de Iago Suárez sobre a banda Fuxan os ventos.

Este sábado 4 de marzo acompaña o xornal o novo número do suplemento semanal Sermos Galiza, que leva por título 'Carlos Núñez, irmandiño das estrelas'. 64 páxinas por tres euros... Non o perdas!

O prolífico gaiteiro Carlos Núñez protagoniza esta nova edición a través da entrevista que lle fai o xornalista Xosé Barros. Nesta interesante conversa, o músico sinala que "o Estado español é anómalo en relación ás súas propias músicas pola ditadura".

O devir de Fuxan os ventos

Sermos deste sábado abre cunha reportaxe de Iago Suárez sobre a mítica banda Fuxan os ventos, "pioneiros e baluartes da música en lingua galega".

No ano 1975, o grupo sufriu un dos seus primeiros contratempos, coa escisión dalgúns dos seus compoñentes debido a discrepancias de dúas tendencias que emerxeron dentro da banda: unha tendente ao folclore universal e outra máis comprometida coa cultura, idioma e identidade galega. Esta reportaxe, na que se consultan as principais voces da formación musical, afonda nos porqués da súa separación.

Aves en perigo

Por outra banda, Antón Escuredo escribe sobre as aves galegas en perigo a raíz da publicación do 'Libro vermello' que "certificou o mal estado de conservación de moitas especies animais". 

"Fai falla deseñar plans de conservación e recuperación das especies e plans de restauración dos hábitats co obxectivo de ser aplicados, con supervisión periódica e con fondos asociados", apunta Lorezna Castiñeiras, do Grupo Naturalista Hábitat.

Música, arte, cinema e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que trae as últimas novidades, e Jasper, cun artigo titulado "Spoiler".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por A filla escura, de Maggie Gyllenhaal, mentres Carlos L. Bernárdez lembra o ilustrador Reimundo Patiño en "Espiral creadora. A obra de Reimundo Patiño".

Noutra orde, Xabier Vázquez Pumariño fala na sección 'Ecos' do debate enerxético, "na cabeza ou cola?", e o colectivo Xea dá unha visión da riqueza de Burela en 'Andar e ver'.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Comentarios