Brais Morán, a Candeloria e Aurichu Pereira protagonizan o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario, á venda durante a fin de semana, entrevistamos o músico Brais Morán e afondamos nas orixes e celebracións vinculadas á festa da Candeloria. Ademais, reproducimos a intervención íntegra de Xosé Manuel Beiras no acto de homenaxe a Aurichu Pereira.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 27 de xaneiro un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez o protagonista é o músico Brais Morán, que conversa longo e tendido co xornalista Xan Carballa a raíz da presentación do seu novo disco, Revolución Chic.

"Veño dunha familia de músicos. A saga Morán inclúe, claro, a meu pai e os meus tíos, pero xa nos debe vir no ADN, porque somos descendentes, pola ponla dunha avoa de Mondoñedo, de Pascual Veiga. Eu quería imitar o que facía a miña familia, e axiña empecei a tocar. A miña primeira banda chamouse Zumbido e era máis enfocada ao punk-rock, e despois xa veu Loretta Martin, que arrincou no rock&roll e rematou no funkie. Eses foron os comezos", conta na entrevista.

A Candeloria: a festividade que celebra o casamento dos paxariños

A primeira entrevista deste Sermos corre a conta da xornalista Eva Cid Rivas, que afonda nas orixes da festa da Candeloria, "a luz que se ve ao final do túnel". A chegada da festividade de orixe celta no segundo día do mes de febreiro indica que o longo inverno está por chegar á súa fin, anuncia que pronto a natureza abandonará o seu letargo e proclama que o sol volverá para borrar a escuridade que tingue os corazóns en tempos de frío. A Festa das Candeas é unha celebración da volta á vida, un canto ao florecemento e un baile ao que está por vir.

"Cando vén o bo tempo, os paxaros xa pían como tolos, sobre todo nas primeiras horas da mañá, a banda sonora do amencer dos paxariños cantando, típica da primavera, xa comeza en febreiro", asevera Sergio París Gómez, secretario da Sociedade Galega de Ornitoloxía. Esta festividade está moi relacionada coa fertilidade. Anteriormente, dicíase que "a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", facendo referencia a que na primavera comezan os procesos de apareamento. Por iso, tamén se coñece esta celebración como o casamentos dos paxariños.

Aurichu Pereira: 'Na fronte unha estrela, no bico un cantar'

O 11 de xaneiro, o Museo do Pobo Galego, en Compostela, homenaxeaba Aurichu Pereira, falecida o 1 de novembro de 2023. Neste novo número do semanario reproducimos a intervención íntegra do seu compañeiro de vida, Xosé Manuel Beiras, no acto de lembranza da artista.

"Aurichu Pereira Carballo naceu en Compostela o 15 de xaneiro do 1940. Puxéronlle de nome Aurora, como a súa avoa paterna, a da 'Flor Noiesa' compostelá, e mais a súa madriña, irmá do seu pai, casada cun vasco que viñera licenciarse en Medicina na universidade galega e quen, des que naceu a criatura, chamouna agarimosamente Aurichu —diminutivo euskaldún que afortunadamente a singularizaría entre todas as Auroras do noso país, e co que sería identificada ao longo de toda a súa vida aquén e alén Padornelo—", rememora Beiras.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Cinco corujas, de Susana S. Arins (Através Editora, 2023), e Chairas sucesións, de Oriana Méndez (Chan da Pólvora, 2023).

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza os títulos máis recentes, comezando por Nostos Live at Meldinerz, de Nostos Quartet (2024). Pola súa parte, David Regueiro asina un artigo que leva por título 'Cen anos de Jazz'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme A sociedade da neve (J. A. Bayona, 2023), mentres Branca Novoneyra achega unha serie de poemas na sección A Palabra Futura. Aliás, Anxo Fole propón no apartado de Cociña un menú de fin de semana que el mesmo define como 'Adozando a cimeira de Xaneiro'.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios