O Museo do Pobo lembra Aurichu Pereira, "unha adiantada ao seu tempo"

O Museo do Pobo Galego celebrou esta quinta feira un acto de homenaxe a Aurichu Pereira, artista plástica, música, deseñadora de moda e muller comprometida co nacionalismo galego As voces presentes no museo compuxeron un retrato que iluminaba moitas das caras dunha muller comprometida, de vontade férrea e cunha personalidade capaz de aúnar vontades e crear lazos de afecto. 
 
Homenaxe a Aurichu Pereira no Museo do Pobo Galego, esta quinta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Homenaxe a Aurichu Pereira no Museo do Pobo Galego, esta quinta feira. (Foto: Arxina)

O Museo do Pobo Galego foi o escenario, esta quinta feira, dunha homenaxe a Aurora Pereira Carballo (1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, pintora, música, deseñadora de moda e muller comprometida co nacionalismo galego. Aurichu Pereira tamén desenvolveu unha intensa actividade no asociacionismo cultural de base, até o punto de facer parte da fundación da Agrupación Cultural O Galo, de Compostela. Parte desa faceta recóllese no libro Asociacionismo cultural en Galiza (1961-1975), onde se percorre a actividade cultural destas asociacións nos quince últimos anos da ditadura. 

O acto de lembranza contou coa intervención de Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, e continuou coa proxección dun vídeo e coa presentación de Xosé Ramón Fandiño, escritor, membro do Padroado do Museo e amigo persoal de Aurora Pereira. Seguiron intervencións da filóloga Chus Nogueira e da historiadora e crítica de arte Mercedes Rozas, unha actuación musical de Miro Casabella, e a creación poética de Oriana Méndez e Celso F. Sanmartín. 

O acto continuou cun intermezzo musical da guitarra de Tomás Camacho, unha intervención do político, economista e intelectual Xosé Manuel Beiras -quen fora parella da homenaxeada-, e unha actuación do acordeonista Tomé Mouriño, que foi a encargada de fechar o evento. 

Unha artista por descubrir

Pereira iniciouse no debuxo cara a 1956, baixo a tutela de Carlos Maside e, na década dos sesenta, achegouse ao movemento plástico de gravado da Estampa Galega, facendo parte de diversas mostras de carácter colectivo. Luís Seoane interesouse pola súa obra, até o punto de lle patrocinar unha exposición. Precisamente, o propio Seoane e Reimundo Patiño promoveran en 1973 a mostra de Xóvenes Artistas Galegos, baixo o auspicio do Concello da Coruña, que comprou unha das obras de Aurichu Pereira nese certame.

A mediados de 1975, abriu a súa propia loxa, Xanela, e comezou a deseñar roupa e accesorios, mais seguiu participando en mostras como a VIII exposición de pintura, debuxo e gravado con motivo do centenario da Caixa de Aforros Municipal de Vigo. "Aurichu é unha artista que, por circunstancias persoais, non tivo un desenvolvemento continuado da súa obra, e iso provocou que quedase nun segundo plano", declara a crítica de arte Mercedes Rozas, en conversa con Nós Diario. "Mais eu creo que merece outro recoñecemento que, sen dúbida, chegará". 

Para que o público poida coñecer esa obra, o Museo, de forma paralela ao acto de homenaxe, abre unha exposición dividida en tres partes. "Hai obra figurativa dos anos 60 e 70, cando estaba moi influenciada por Maside e Seoane", describe Rozas. "A partir de mediados dos anos 70, céntrase máis no deseño de téxtiles, dos que tamén exhibimos unha mostra, na que destacan os traxes realizados para un espectáculo dos Quinquilláns. E finalmente, hai obra realizada a partir da década de 1990, cando retoma a pintura desde a abstracción e realiza a que eu creo que é a súa mellor serie, O meu Courel imaxinario, na que traballa moi ben coa cor e a luz".

Neses anos, cre Rozas, a influencia de José Luís de Dios está moi presente, non tanto no estilo como na inspiración. "Era un artista moi completa, cunha formación intelectual moi sólida, e ela unha persoa que sabía apreciar as achegas dunha figura desa natureza".

Esa personalidade, ademais, manifestábase en todas as facetas da súa vida. Chus Nogueira, que mantén vínculos familiares con Pereira, revela a Nós Diario que "Aurichu era un modelo de muller que eu admiraba, porque non se correspondía co arquetipo daqueles anos: era unha muller sofisticada que pintaba e que tocaba o piano, que procedía dun ambiente urbano e que fumaba... Pero ao mesmo tempo, que mostraba un interese sincero pola cultura popular e polos costumes do rural. Rompía moitos dos esquemas daquel tempo". 

"Nese sentido, Aurichu era unha adiantada ao seu tempo", engade Rozas. "Puña moito interese na recolla de diferentes mostras de artesanía galega ou de téxtiles do Bierzo; ou introducía, cando aquí aínda non se valoraba como arte, a obra da ceramista portuguesa Rosa Ramalho. Foi unha das primeiras na Galiza en relacionar a artesanía coa contemporaneidade; moitos dos seus deseños están inspirados en Matisse, en Kandinski e noutras figuras das vangardas clásicas".

Unha vontade férrea

Nogueira concorda en que Aurichu posuía unha mirada moi penetrante que "lle permitía valorar cousas que outras persoas non valoraban". "Ademais", acrecenta, "tiña unha vontade férrea que igual que lle subministraba a constancia precisa para persistir en calquera proxecto artístico, social, político ou persoal, tamén lle permitía unir xente moi diversa.

Aurichu sempre foi unha peza moi importante no mantemento dos vínculos familiares e de amizade. Desde a miña visión persoal, eu destacaría sobre todo o demais a paixón que dedicaba a todos os proxectos que iniciaba e a cantidade de afecto que puña nas relacións humanas". Nogueira atribúe a esa paixón e ese afecto "a capacidade que tiña de crear e recrear en momentos moi escuros da nosa Historia. A Compostela dos anos 60 e 70 era un lugar difícil, mais ela lograba sobrepoñerse e crear proxectos ilusionantes para ela mesma e para os demais". 

Non hai que esquecer que gran parte dos seus proxectos foron iniciados baixo a ditadura franquista. "Manter esa personalidade e comprometerse vital, artística e politicamente da maneira en que ela o fixo durante aqueles anos non só non era fácil, senón que comportaba moitos riscos que ela enfrontou dun modo moi valente", remata Nogueira. 

Filla dun mestre represaliado

Nada un 15 de xaneiro de 1940, Aurichu Pereira era filla dun mestre republicano de Vedra represaliado polo franquismo, Xesús Pereira, a quen Beiras lle dedica un capítulo no seu libro de retratos.

Desenvolveu unha carreira de pintora, influenciada polos artistas Carlos Maside e Luís Seoane, tarefa á que lle dedicaba tempo na súa residencia de Brión, na Reboraina, onde vivía co político e profesor, a súa parella desde que se divorciara do seu primeiro marido, o poeta Salvador García Bodaño, con quen tivo catro fillos.

Comentarios