Contracultura

Sara Vila: "A adolescencia é un momento de catarse e de ser conscientes de cuestións como a morte"

Sara Vila (As Neves, 1989) é a autora de 'O incendio', o título galardoado co XLII Premio Blanco Amor de novela que convoca a Deputación de Ourense. A obra xira arredor da adolescencia, os coidados e as problemáticas presentes no día a día do rural.
A escritora e xornalista Sara Vila. (Foto: Gonzalo García)
photo_camera A escritora e xornalista Sara Vila. (Foto: Gonzalo García)

—Por que escoller unha protagonista adolescente?
Era unha historia que me roldaba hai tempo. Apetecíame falar dun momento moi importante para todas as persoas como é a adolescencia, que ás veces é dulcificada ou idealizada, cando realmente hai moitos conflitos. É un momento no que as persoas aprenden a xestionar os conflitos que comezan a aparecer coa etapa adulta. 
Isto ás veces fai que sexa unha época con moita violencia. As dificultades que pode atopar calquera adolescente son as mesmas que atopamos as persoas adultas e ocorre o mesmo coas respostas ante eses problemas.

O feito de ser adultas tampouco nos dá a solución aos problemas nin as ferramentas necesarias para atallalos. A adolescencia é un momento de catarse e tamén de ser conscientes de cuestións como a morte. Por suposto, pode que chegue antes, durante a infancia, mais cando comezas a medrar tamén vas vendo que hai persoas na túa contorna que camiña cara a morte. Eu quería retratar iso tamén a través do vínculo que hai entre esta nena e a súa avoa.

—Isto introduce a cuestión dos coidados, que se representa moi ben nestas dúas mulleres, que son quen asume normalmente a carga.
Ademais a trama xorde nun momento a finais dos 90 e comezos dos 2000 no que moitas mulleres da miña xeración tivemos unha relación moito máis estreita coas nosas avoas porque nos criaron. Agora mesmo hai un baleiro nos coidados: as avoas asumen moito deste traballo porque as nais están incorporadas ao mundo laboral, mais naquel momento o baleiro era aínda maior nunha aldea do rural na que non hai servizos.

Isto é o que lle pasa a esta nena, que ten unha relación tan estreita coa súa avoa porque a súa nai e o seu pai traballan. E o mesmo sucede cando a avoa se fai maior e ten unha dependencia: volve ese baleiro nos coidados, non hai quen atenda as persoas maiores porque as institucións non ofrecen unha solución a isto. É un problema que queda moi claro na novela.

—Faltaban relatos sobre a realidade do rural?
Ao final falamos dunha falta de servizos e de illamento ao que se vén sometidas moitas persoas. Están abandonadas institucionalmente. A novela xira arredor dun incendio, mais como pasa en todos os incendios forestais que vemos ano tras ano na Galiza, detrás del hai moito máis. Hai un abandono do rural, un rural habitado por persoas moi maiores, unha falta de atención cara o sector primario, unha nova forma de vida que fai que o rural se converta nun territorio que arde.

É unha novela que fala moito dos espazos, das casas que quedan abandonadas e que ninguén bota man delas porque non hai forma de sobrevivir cos ritmos e formas de vida que se nos impuxeron. Vivir no rural é moi difícil. Quería reflectir ese illamento e abandono, que vai da man da decadencia do estado de saúde da avoa da protagonista.

—Aliás, outro tema que se trata na historia é o acoso, tanto escolar como sexual.
Para a historia, era necesario que a protagonista estivera moi illada e que mantivera este vínculo tan grande coa súa avoa. É por este vínculo que ela mantén unha forma de falar moi achegada á das mulleres maiores, utilizada no seu instituto para comezar este acoso.

É unha subtrama que introducín porque tamén quería que reflectira a adolescencia dunha moza que non responde aos estándares sociais. A adolescencia é moi diferente se es unha nena  ou un neno. Se encaixas nos roles que te impón o heteropatriarcado vas ter unha vivencia moi diferente que se es unha muller que non encaixa nos estereotipos. E ocorre o mesmo se es unha persoa homosexual ou se es trans. Antes dicía que a adolescencia é un momento de moito conflito, mais depende de como sexas e de quen sexas hai máis ou menos conflito. Non é o mesmo ser un rapaz ao que lle gusta o fútbol e que marca moitos goles que ser unha rapaza tatexa, que é o caso da protagonista.

Comentarios