xoves 28/01/21

Sara Plaza Moreno gaña o premio de poesía Pérez Parallé

O xurado escolleu o libro de Plaza Moreno, titulado Todos os pasos fan ruído, de entre 76 obras presentadas a esta XXXIII edición do concurso, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello.
Sara Plaza.
Sara Plaza.

A autora galardoada, mestra de formación, tradutora e revisora de textos, di contar tamén “cun feixe de debuxos e fotografías ciscadas aquí e acolá”.

Aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega. Conta que lera na prensa sobre as condenas xudiciais a catro rapaces independentistas galegos e que "dende unha dor física e moral que abranguía moitas dores" comezou a escribirse cun deles que se atopaba na cadea.

Esa correspondencia, a amizade que entreteceron e as que dela agromaron, as moitas lecturas, o estudo devagar e a poesía, poñen diante dos seus ollos un mundo ao que, andando o tempo, decide trasladarse. A finais do verán de 2019 chega a Lugo para facer un mestrado na USC e, mentres estaba a preparar o seu TFM, durante o confinamento pola Covid-19, gurgulla nas súas mans un libro de poemas. Ese libro é o que hoxe foi galardoado neste certame.

Plaza Moreno súmase así á listaxe de autoras e autores galardoados no Pérez Parallé e que conta con nomes xa relevantes na poesía galega: Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro Padín, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo, Lorena Souto, Marisol Gándara, Fran Cortegoso, Eduard Velasco, Jesús Castro Yáñez, Míriam Ferradáns, Carlos Lixó, Amauta Castro e Regina Touceda.

O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lixó, Lucía Novas e Iris Cochón.

A entrega do premio terá lugar, se o permiten as circunstancias sanitarias, o próximo sábado 21 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.

comentarios