Unha vida enteira de loita polo poder

San Dámaso, o papa galego tras a morte de Prisciliano

Fixo parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do baixo Imperio. A obra política e teolóxica do único papa galego, coñecido como San Dámaso, foi un compendio dalgunhas luces e máis sombras. Ao fin, outro xigante que pariu Galiza.
Representación de San Dámaso e San Xerónimo nun marfil do século XVIII. (Foto: Museo do Prado)
photo_camera Representación de San Dámaso e San Xerónimo nun marfil do século XVIII. (Foto: Museo do Prado)

É un dos grandes vultos daquela xeración de xigantes que impulsaron o noso espertar cultural nos albores da Idade Antiga. Primeiro, Prisciliano, á cabeza dun gran movemento popular que apostou por un cristianismo desligado do poder, axeitado á realidade do país, comprometido cos sectores máis desfavorecidos, significado coa causa das mulleres e que morreu decapitado en Treveris en 385. Despois Exeria, a galega viaxeira que percorreu o mundo de occidente até oriente para visitar Exipto, Xerico, Xerusalén e deixarnos testemuños do súa andaina nunhas cartas ás irmás que a agardaban na Galiza. 

Canda eles, Orosio, o historiador, xeógrafo e pensador, autor dunha produción cultural central cuxa influencia chegou aos nosos días. Ao seu carón, Idacio, o galego da Limia e bispo de Chaves, martelo de priscilianistas, inimigo dos suevos asentados na Galiza e autor da máis importante historia da península nos tempos iniciais da Idade Media. E por suposto, os Avitos, aqueles monxes viaxeiros de Braga e Baquiario, o pensador exiliado, a viaxar Occidente, África e Oriente para erguer o monacato.

Teodosio e Máximo, dous emperadores galegos contemporáneos de Dámaso

A diferenza dos anteriores e nunha liña semellante a doutros membros da oligarquía galego romana, San Dámaso desprazouse a Roma moi novo, onde logrou un gran relevo social, ocupando importantes postos de poder. A súa biografía garda analoxía coa do emperador Teodosio, o neno dos Flavios nacido na Cauca da Gallaecia, para ser o último en reinar en todo o imperio desde o oriente até occidente e rematar por converter o cristianismo na relixión oficial dos seus gobernos. 

Seméllase ao tempo, á de Magno Clemente Máximo, outro daqueles Flavios galegos que dirixiron o imperio en tempos de turbulencia, elevado ao trono após un golpe de Estado, rei da Britania, a Galia e Hispania desde Treveris, que ordenou a morte de Prisciliano seguindo as indicacións do seu compatriota Dámaso e morreu a ferro. E así, a seguir con outras xentes daquela Galiza do baixo Imperio, a destacar e significarse nos centros de poder dun mundo en tránsito. 

O desenvolvemento cultural de Galiza nas centurias finais da Idade Antiga obrigan a unha revisión do papel do noso país naquel tempo histórico. A floración dunha xeración de intelectuais nados e formados na Galiza como a que vimos de referir só se explica nun contexto de relativo progreso material, favorecido no caso galaico pola crise que se abre no imperio romano á volta do século III. 

As consecuencias desta convulsión son desiguais nas diferentes partes do imperio até o punto de que unha parte da historiografía está a revisar a tradicional visión negativa do momento, sinalando a dinámica positiva que se constata naquelas zonas máis desligadas do centro. A debilidade do poder central provocou toda unha serie de transformacións estruturais con consecuencias positivas para o conxunto da área galega, da que son unha expresión o maior espallamento das “villae” e a súa nova función como centros económicos non orientados cara á exportación, cunha tendencia a ir criando o seu propio espazo xurisdicional que se evade do control imperial e gañan independencia.

Dámaso, un papa galego no século IV

A súa biografía foi unha loita permanente polo poder. Nado na Gallaecia arredor do ano 304, ao pouco de morrer o seu pai, probabelmente un relixioso chamado Antonio, marchou a Roma en compañía da súa nai Lourenza e da súa irmá Irene, desenvolvendo o seu labor nun tempo político marcado pola suba ao trono de Constantino I, a unión e a nova división entre o Imperio Occidental e Oriental, a expansión e lexitimación do cristianismo e a súa adopción como relixión oficial do Estado. 

Persoa de máxima confianza do papa Liberio, após a morte deste foi nomeado o seu sucesor o 1 de outubro de 366, no marco dun auténtico conflito civil entres os cristiáns romanos, que rematou coa morte de 137 seguidores do seu rival Ursicino. A chegada de Dámaso ao papado non se explica sen o apoio das máis altas instancias do aparato político, moi particularmente o emperador Valentiniano, iniciando unhas privilexiadas relacións co poder civil que presidiron todos os seus anos á fronte da coñecida como sé de Pedro.

Este é só un estrato da reportaxe que abre hoxe a nosa sección de Cultura. Atoparás máis información no Nós Diario de hoxe, dispoñíbel nos quiosques e na nosa loxa online. Evita perder futuras informacións e subscríbete xa!

Comentarios