Celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha das fortalezas da industria editorial galega

Mañá, 2 de abril, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, un ámbito onde tanto a literatura como a industria editorial galega conseguen éxitos de forma recorrente. A importancia de formar un público lector e de manter a fidelidade á lingua depende en gran parte do que se lea nesta etapa da vida. 
Dirixirse á infancia para tratar de crear persoas lectoras é unha estratexia 
de futuro.
photo_camera salon_albasotelo_403-1400px

Aínda que a tecnoloxía conquista cada vez máis parcelas da vida infantil, os libros dedicados ás primeiras idades seguen sendo un territorio de aventura, de descuberta e de abraio. Se cadra, máis necesario que nunca: ante a velocidade que vai adquirindo a vida cotiá, a lectura continúa a ofrecer un refuxio no que a cativada atopa unha vía para saciar a súa curiosidade. E esa sede de coñecer o mundo que nos rodea semella ir en aumento: no ano 2021, as librarías bateron récords de vendas. Se cadra, como efecto colateral da pandemia, que concienciou a sociedade sobre os beneficios da lectura e, tamén, sobre a importancia do comercio de proximidade. 

“Durante a pandemia houbo unha suba nas vendas absolutamente espectacular”, conta Xosé Ballesteros, director editorial de Kalandraka. “Estabamos todos eufóricos. Mais agora vén a resaca: a escaseza de papel está comprometendo o futuro, até o punto de que non sabemos se haberá subministración a partir de xullo”. 

Ballesteros refírese á falta de papel no mercado, produto do que podería definirse como unha tormenta perfecta que ameaza toda a industria editorial. A mesma pandemia que axudou a subir os índices de lectura propiciou un aumento do comercio electrónico que fixo que as fábricas de papel reforzasen a manufactura de embalaxes en detrimento do papel para a edición; os prezos da enerxía encareceron o produto; o colapso do comercio marítimo que seguiu ao confinamento atrasou todas as previsións; e as consecuencias da guerra para o comercio internacional acabaron de definir un golpe ao sector de consecuencias aínda imprevisíbeis. 

Xosé Antonio Perozo, presidente de Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, subliña que, o problema xurdido arredor da subministración de papel afecta a toda a industria editorial, mais “moi especialmente ao libro infantil, cuxos libros empregan unha ampla variedade de papeis cunhas características particulares necesarias para soportar a ilustración en color, as distintas texturas, as encadernacións en tapa dura...” 

“A LIX galega está entre o mellor que se fai no Estado”, subliña Perozo.

Calidade na 'LIX' galega 

Malia esta crise, que aínda non se sabe moi ben até onde pode chegar, a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que se fai na Galiza segue a obter recoñecementos non só dentro do país, senón tamén a nivel estatal e internacional. Cada dous anos, a Lista Ibby difunde os libros orientados ao público miúdo, editados nos países membros, que destacan pola calidade da escrita, da ilustración ou da tradución. A LIX galega ten unha presenza constante nesta lista: na última edición, por exemplo, aparecen nela O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco), de Antonio M. Fraga, Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira), de Kenzi Miyazawa, na tradución de Gabriel Álvarez, e as ilustracións de Miguel Robledo. Da mesma maneira, Kalandraka recolle unha nomeación da versión castelá de Miña Guía, Meu Capitán de Gonzalo Moure e María Girón. 

“A LIX galega está entre o mellor que se fai no Estado”, subliña Perozo, “hai autores e autoras importantísimos e editoriais que están traballando a un nivel moi alto, perfectamente equiparábel ao mellor do continente europeo”, afirma Perozo. 

Mais o valor desta actividade esténdese á importancia que ten para crear un novo público para a literatura en galego. “Durante o confinamento  comprobamos que a rapazada, contra o que habitualmente se di, pode achegarse á lectura a pouco que se lle ofrezan estímulos. Os niveis de lectura durante aquel período eleváronse de forma espectacular, o que demostra a importancia que teñen estes libros para a formación de futuros lectores e lectoras”. 

"A falta dunha lingua normalizada pode facer que, aínda que eses mozos e mozas volvan á lectura despois duns anos afastados dela, xa non o fagan na lingua do país", explica Ballesteros

A lectura da rapazada e o futuro da lingua 

Non obstante, todas as persoas expertas alertan sobre o abandono da lectura que se dá nalgún momento da adolescencia, entre os 14 e os 17 anos. “É unha idade na que se priorizan as relacións sociais. É un fenómeno que se dá en todas as partes do mundo, e a proporción en que se abandona o hábito de ler ou a posibilidade de que se recupere ou non ese hábito vai depender moito dos incentivos que mozas e mozos atopen na escola e, fundamentalmente, na familia”, explica Perozo. 

“A proporción de libros editados para o público infantil e xuvenil é grande en todas as partes, mais na Galiza ten case unha maior importancia precisamente por esa caída que se dá na adolescencia", declara Ballesteros. "A falta dunha lingua normalizada pode facer que, aínda que eses mozos e mozas volvan á lectura despois duns anos afastados dela, xa non o fagan na lingua do país". 

Talvez por iso, Perozo subliña que "é importante crear contidos que lles interesen aos mozos e mozas desa etapa da adolescencia, que eviten esa fuga de lectores, ou que a mitiguen". 

Comentarios