CONTRACULTURA

Héctor Guerra, o Mago Teto: "Non sabería dicir se nas funcións o pasan mellor as crianzas ou as persoas adultas"

O Mago Teto presenta o seu novo espectáculo, 'Rock ‘N’ Magic'  
Héctor Guerra, O Mago Teto, durante o espectáculo Rock ‘N’ Magic. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Héctor Guerra, O Mago Teto, durante o espectáculo Rock ‘N’ Magic. (Foto: Rocío Cibes)

Héctor Guerra é o nome tras a figura de Mago Teto, que conquista tanto a maiores como a crianzas co seu novo espectáculo, Rock ‘N’ Magic, combinando dúas das súas grandes paixóns para subir ao escenario un repertorio completo de música en directo, ilusións e moito humor.

Comparte escenario con Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra. Como xurdiu a colaboración?

Hai dous anos aproximadamente que xurdiu esta idea, en parte pola pandemia, porque a miña cabeza non paraba, e tamén porque eu celebraba os 30 anos desde que aprendín o meu primeiro xogo de maxia. En canto me puxen a organizar o espectáculo con Culturactiva, unha das cousas que tiña claras era que quería música en directo. Entón, en primeiro lugar, fixen unha selección de xogos e ideas até ter unha estimación de cara a onde ía ir o espectáculo. A partir de aí, comecei a buscar persoas que puideran tocar en directo. Cadrou que fun ver unha obra de Ibuprofeno Teatro, Smoke on the water, onde vin a Mon. Xa nese momento tiven claro que quería que estivera no espectáculo e de feito aos cinco minutos de estar falando con el aceptou porque o convencía o proxecto. Comezamos a desmontar as ideas que tiña eu e a introducir tamén ideas que el traía, deseñando un formato axeitado para a música en directo. Despois dun ano xa tiñamos case todo montado e decidín confiar toda a parte musical en Mon, de maneira que foi el quen se encargou de buscar a Fer, un acerto total. Pasámolo moi ben na xira e temos moi boa sintonía entre nós. Con todo, aínda que sexamos nós os tres quen están enriba do escenario, tamén hai que mencionar o traballo de Fran Rei, o director do espectáculo e quen me axudou cos textos, corrixíndoos e escribindo parte do guión, así como o labor de María Caramés e Javier Adán. Na miña opinión, en calquera espectáculo, e especialmente na maxia, é esencial que existan figuras de director e responsábeis de iluminación e de son, porque é o que fai que todo isto sexa máis artístico. Creo que ás veces esquecemos o importantes que son. 

Como está sendo a acollida?

Bastante boa. A idea desde o principio foi facer unha especie de concerto onde eu era unha estrela do rock nun grupo de 'flipados' e hai veces que non sabería dicir se o pasan mellor as crianzas ou as persoas adultas. Hai quen divide a maxia segundo se é un espectáculo infantil ou adulto, mais eu non quero entrar nesa diferenza. Para min é maxia sen máis e o que fago é un espectáculo apto para todos os públicos buscando un equilibrio. Hai moitos xogos visuais, comprensíbeis para crianzas a partir dos seis ou sete anos, e tamén clásicos do rock and roll que igual non coñecen, pero desfrutan, e outros que si que coñecen porque forman parte das bandas sonoras de filmes actuais que ven. Por outra banda, estes temas para as persoas adultas funcionan como lembranzas de momentos bonitos da súa vida, ou tristes incluso, porque a música e a maxia ás veces tamén van diso. Algunhas das cousas que digo no guión as crianzas non as acaban de pillar de todo, mais as adultas si, polo que tamén se crea entre nós unha certa complicidade que está moi ben. Xa tivemos bastantes datas e despois do verán aínda seguiremos até decembro por Brión, Boiro, Val do Dubra, Burela, Cedeira, O Grove, Cariño, Carballo, Oroso e As Pontes. 

Precisamente, o humor é un aspecto transversal en todos os seus espectáculos. 

Claro, é que eu o paso moi ben, entón se a persoa que defende aí o espectáculo, enriba dun escenario, está a gusto e o desfruta, iso acaba por contaxiarse ao público. En Rock ‘N’ Magic hai moita comedia e situacións moi absurdas, precisamente polo que comentaba de pensar o espectáculo como un grupo de 'flipados'. O certo é que ás persoas que veñen verme parece que lle fan graza certas cousas que digo ou como as digo, o ton que uso e os xestos que fago coa cara, entón sempre adoito tirar moito por esa vía. Non busco un humor de ir facendo chistes porque creo que non é algo que se me dea ben nin que encaixe demasiado comigo, non os desfruto de maneira especial. 

Comentarios