Pere Tobaruela: "Que a nosa literatura medre axuda a consolidar e a expandir o uso da lingua galega"

Pere Tobaruela, co texto, e Andrés Meixide, coa ilustración, atoparon a fórmula para enganchar a mocidade lectora cunha brigada moi especial: Os Formig4s. Levan seis obras coas aventuras de Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il percorrendo primeiro o mundo e desde o anterior libro levando as súas aventuras até a Galiza. Após visitar o Camiño de Santiago chegan agora para salvagardar o legado e a propia vida de Rosalía de Castro.  
O escritor Pere Tobaruela autor do libro 'Formig4s. Misión Rosalía'. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O escritor Pere Tobaruela autor do libro 'Formig4s. Misión Rosalía'. (Foto: Nós Diario).

Sorprendeulle o éxito de Formig4s? 

A colección protagonizada por esta simpática e intrépida brigada penso que, xa desde a primeira entrega, tiña todos os ingredientes para poder callar e chamar a atención da rapazada. E, sendo honesto, podo afirmar que os Formig4s conseguiron este propósito. Pero falar de éxito, non sei. Na literatura o éxito é por veces azaroso e eu só creo no traballo. 

Noutra orde de cousas, gustaríame apuntar que Formig4s é unha aposta por achegar a literatura en galego a todo tipo de lectoras e lectores, máis ou menos avanzados, para ao fin e ao cabo, intentar gañar lectorado para a nosa lingua. E isto coido que tamén o están a conseguir Fornel4, Forx4n, Form4il e Formos4, os catro integrantes da brigada. 

Oxalá sigan sumando. Iso será bo, sen dúbida. Que medre a nosa literatura axuda a consolidar e a expandir o uso da lingua galega. Con proxectos como este dos Formig4s, estou centrado niso. É o meu gran de área, unha maneira de agradecer a un país o ben que me recibiu.   

Como se formularon os personaxes protagonistas? 

O mundo onde se desenvolven as aventuras dos Formig4s é o noso mundo real, nin máis nin menos, debuxado polo miúdo e maxistralmente, e non exaxero, por Andrés Meixide, para min un dos grandes ilustradores galegos.

O mundo onde se desenvolven as aventuras dos Formig4s é o noso mundo real

Agora ben, este noso mundo "literario" ten unha peculiaridade: está habitado por insectos e os protagonistas principais son as formigas. Desde neno sempre tiven unha simpatía especial por estes animaliños. Xogaba con elas tempo e tempo. Para min era todo un divertimento.

E agora xa forman parte de min no meu imaxinario literario. Limiteime a escoitalas e darlles voz. E mira ti por onde resulta que teñen moitas cousas que dicir. Son ben divertidas, saben de todo. E falan en galego! 

Como foi ese até entrar de cheo nun dos nosos referentes culturais como é Rosalía de Castro?

Formig4s é un proxecto que naceu da necesidade e da vontade de intentar explicar o mundo á rapazada dunha maneira divertida e, por suposto, tamén formativa. Como digo eu cando vou polos centros de ensino: o primeiro é pasar un bo anaco lendo e, se cando rematades de ler a novela, aprendedes algo novo, mellor que mellor. 

O primeiro é pasar un bo anaco lendo e, se cando rematades de ler a novela, aprendedes algo novo, mellor que mellor

Divertirse e aprender, un bo equipo. As cidades de París, Nova York, Barcelona e Toquio foron os primeiros mundos elixidos para dar a coñecer. Logo, xa no número cinco da serie, houbo un punto de inflexión e as aventuras dos Formig4s empezaron a desenvolverse na Galiza, así naceu o número dedicado ao Camiño de Santiago, un referente importante dentro da nosa cultura. 

E, xusto despois, recentemente saída do forno, atopamos a aventura dedicada e protagonizada por Rosalía de Castro, un mundo enorme para mergullarse nel e coñecer da man desta brigada especial. 

Quedan moitas "formig4s" por vir? 

Na miña cabeza están a ferver ideas continuamente, é marca da casa. Sempre explico nas miñas conversas coa rapazada que "por iso quedei calvo, as ideas botaron fóra os pelos". Sempre estou pensando, argallando novas novelas, novas aventuras, que van collendo forma aos poucos no meu maxín. Cando acabo de ter claro por onde tirar, alá vou.

Podo adiantar que xa teño unha idea precisa para a seguinte entrega dos Formig4s, pero até aquí podo ler. Sería a sétima, mais todo depende da acollida e a demanda das e dos que me len. Se  seguen pedindo máis aventuras dos Formig4s, se a cousa segue como até o de agora, con está gran recepción da colección, haberá máis. 

Comentarios