Así será o novo Museo do Videoxogo de Cangas

O vindeiro 10 de setembro inaugúranse as instalacións nun acto no que se porá en valor este espazo de "preservación, exposición e experimentación" da industria do videoxogo.
O novo museo abrirá as portas o vindeiro 10 de setembro en Cangas. (Foto: Fundación Museo do Videoxogo)
photo_camera O novo museo abrirá as portas o vindeiro 10 de setembro en Cangas. (Foto: Fundación Museo do Videoxogo)

A Fundación Museo do Videoxogo da Galiza vén de anunciar, a través dun comunicado remitido aos medios, a próxima apertura dun novo Museo do Videoxogo (MUVI) en Cangas, un centro de "preservación, exposición e experimentación" desta industria cultural.

O novo museo cambia de lugar —rúa Aragón, 4— e terá capacidade para acoller máis dun cento de persoas e contará con amplas exposicións que irán mudando co tempo. A inauguración, avanzaron, será o vindeiro 10 de setembro.

"Trátase dun espazo completamente novo, sete veces máis grande que o anterior, que conta con coleccións renovadas e con representantes de todas as tipoloxías de sistemas que conforman a historia do videoxogo", explicaron desde a fundación.

As persoas visitantes atoparán neste recinto máquinas de arcade, videoconsolas, portátiles e dispositivos bidireccionais, así como unha escolma dos títulos máis influíntes da historia ou aulas e áreas de divulgación que posibilitarán o desenvolvemento de proxectos. "Un lugar con decenas de pezas para tocar, experimentar e xogar", incidiron.

O MUVI, precisaron, manterá a entrada semanal de balde e "redobrará o seu compromiso coa industria galega", contando con zonas exclusivas de "preservación e divulgación".

O MUVI de Cangas contará con exposicións itinerantes.
O MUVI de Cangas contará con exposicións itinerantes.

"Unha viaxe experimental rica e en evolución, a través da cal os visitantes poderán coñecer e probar os videoxogos creados na Galiza e na que o MUVI, xunto con videoxogo.gal, tende a man a empresas e persoas que desexen aportar información e recursos", engadiron desde a organización.

A Fundación Museo do Videoxogo traballa coas tres universidades da Galiza a través de convenios de colaboración con diferentes escolas e facultades do país. Aliás, vén de asinar outra alianza co Museo Arcade Vintage de Ibi (Alacant), polo que, a curto prazo, permitirá intercambiar pezas entre ambas as institucións.

Comentarios