As salas de ensaio de Vigosónico seguen fechadas

O colectivo 'Grupos de Vigo en Loita' denuncia que o Concello cede os locais á Fundación Paideia de Sandra Ortega para a realización de cursos e non para que o empreguen as bandas da cidade.
O colectivo Grupos de Vigo en Loita protestaron en Vigosónico (Foto: Nós Diario).
photo_camera O colectivo Grupos de Vigo en Loita protestaron en Vigosónico (Foto: Nós Diario).

A situación das salas de ensaio de Vigosónico segue sen mellorar. Desde o colectivo 'Grupos de Vigo en Loita' aseguran a Nós Diario que, malia que o alcalde de Vigo se comprometera a abrilas o 25 de febreiro "poucos días despois asegurou que sería a finais de mes e logo mudou para principios de marzo".

Aínda hoxe as bandas seguen sen saber nada do día de apertura nin das condicións das salas de ensaio municipais. 

A experiencia que pasaron durante a pandemia, co material fechado e sen poder recoller por estar o persoal da empresa que leva as instalacións cun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), failles desconfiar.

"Anunciaron hai un mes unha reapertura que non é tal", aseguran, "e xa denunciamos nas últimas semanas a nula información dada polo Concello ao respecto alén de compromisos verbais e nos medios que, como xa advertiramos", engaden.

Espazo aberto para a Fundación Paideia

Pórén, as instalacións de Vigosónico xa están abertas, mais non para desenvolver a función que os grupos vigueses demandaban, senón para un curso orientado a empresas dado pola Fundación Paideia de Sandra Ortega. 

'Grupos de Vigo en Loita' denuncia "o oportunismo do Concello, que optou por facer o curso nas instalacións de Vigosónico para responder ao clamor popular por reabrilas, mais co mesmo interese nulo en poñer a funcionar as salas de ensaio públicas que leva tendo durante a última década". Sinalan que "ningún dos grupos usuarios até agora das instalación tivemos a posibilidade de entrar no programa actual", unha situación que, aseguran, "non soluciona o problema das bandas locais".

Por todo isto, varios membros da plataforma de grupos vigueses trasladouse a Vigosónico o día do comezo do curso para pendurar cartaces e faixas en protesta contra o que consideran un engano ás bandas da cidade.

"O curso non responde aos intereses e necesidades dos grupos, amosa o fondo descoñecemento por parte do goberno da escena musical viguesa e en concreto das bandas que ensaiaban". Consideran que o feche indefinido de Vigosónico en 2020 foi a continuación doutros feches de salas como as da Casa da Xuventude ou as de Súbete ao Castro.

Comentarios