Abel Caballero acusa a Xunta de "obstaculizar" a declaración das Cíes como Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Vigo pide ao Goberno galego que deixe de "facer imposíbel" o recoñecemento das Illas Cíes por parte da Unesco. "Son a xoia da coroa. As nenas dos nosos ollos", afirmou.
Vista aérea das Cíes, que son parte no parque nacional. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Vista aérea das Cíes, que son parte no parque nacional. (Foto: Xunta da Galiza)

A lea entre entre a Xunta e o Concello de Vigo a conta da declaración das Illas Cíes como ben natural Patrimonio da Humanidade non cesa. O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, volveu insistir esta terza feira en que o Goberno galego está "a obstaculizar" que as Illas Cíes sexan recoñecidas pola Unesco.

Así, Caballero pediu ao Executivo de Núñez Feixoo que retire "de forma inmediata" a candidatura do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas da Galiza (Illas Cíes, Isla de Ons, Isla de  Sálvora e Isla de Cortegada) a Patrimonio da Humanidade porque, ao seu xuízo, a candidatura "gañadora" é a das Cíes. "Son a xoia da coroa. As nenas dos nosos ollos", engadiu o alcalde.

"A Xunta está a obstaculizarque as fagamos Patrimonio da Humanidade", lamentou. Todo iso despois de que as Illas Cíes, parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, saísen no 'The New York Times' como un dos mellores destinos turísticos para visitar en 2022.

Ataques á Xunta

En rolda de prensa, Abel Caballero lanzou máis ataques á Xunta. Así, o alcalde asegurou que o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, está "a insultar" a Vigo ao impedir que se instale na cidade unha biblioteca do Estado.

Segundo as súas palabras, o Estado quere e a cidade tamén, "pero a Xunta non". "Eu pídolle explicacións ao presidente", reivindicou Caballero, que explicou que este centro estaría financiado polo Goberno estatal.

Entre outros temas, Abel Caballero indicou que na xunta de goberno local desta quinta feira tratarase o proxecto de urbanización do polígono VI do PEPRI de Bouzas, que permitirá a creación de ata 27 vivendas. Ademais, contará cunha praza pública e a posibilidade de pór en marcha un aparcamento en réxime de concesión.

Por iso, Caballero aproveitou para atacar novamente á Xunta, sinalando que dos 47,6 millóns que o Goberno estatal lle concedeu para garantir o acceso a unha vivenda digna aos cidadáns, o Executivo galego só gastou 17,7 millóns. "Deixaron 60% sen executar e hai máis de 5.500 vigueses que demandan vivenda", criticou o alcalde.

Adeus ao Nadal

Así mesmo, Caballero lembrou que este domingo, día 16 de xaneiro, levará a cabo o acto oficial de apagado das luces de Nadal de Vigo, polo que a final de semana informarase das medidas e os aforos máximas que se permitirán na zona de Policarpo Sanz onde está situada a árbore.

Comentarios