Grupos musicais de Vigo crean unha plataforma para exixir salas de ensaio

O colectivo Grupos de Vigo en Loita denuncia que a última instalación, Vigosónico, fechou ao inicio da pandemia. 
As instalacións de Vigosónico están baleiras (Nós Diario).
photo_camera As instalacións de Vigosónico están baleiras (Foto: Nós Diario).

A pandemia deixou sen locais de ensaio ás formacións musicais da cidade de Vigo. O recentemente creado colectivo Grupos de Vigo en Loita denuncia que, pouco despois da chegada da Covid-19 á Galiza, o concello procedeu a fechar as instalacións de Vigosónico en Valadares que facilitaban este servizo aos conxuntos. 

"Co desconfinamento, en 2020, as salas de ensaio privadas e as públicas de moitos concellos galegos volveron de maneira máis ou menos continua á súa actividade, mais non as de Vigosónico", afirman nun comunicado, "as únicas do seu tipo que quedaban en Vigo logo do feche das da Casa da Xuventude ou as do Castro", engaden. 

Material fechado en malas condicións

O colectivo asegura que despois de moitos meses sen información ao respecto, as usuarias e usuarios de Vigosónico recibiron a mensaxe de que podían por fin ir buscar o seu material, após quedar no local "en condicións de humidade descontroladas, xa que o feche que no seu momento foi temporal sería indefinido".

Estes feitos suscitaron unha serie de protestas que continúan a día de hoxe, cando pasou máis de un ano despois deste feche indefinido. Este foi o motivo polo que  integrantes de bandas de Vigo e da zona uníronse agora en torno a esta plataforma. 

"Demandamos unhas salas de ensaio públicas, gratuítas e accesíbeis a disposición de todas as músicas e músicos vigueses", afirman, coa reapertura de Vigosónico "como mínimo" aínda que "o ideal sería que voltaran a abrir o resto de espazos que fecharon nos últimos anos", consideran. 

Perda de espazos de ocio na cidade de Vigo

Desde Grupos de Vigo en Loita critican "a perda de espazos de ocio e culturais para a mocidade e para a poboación xeral", nas que se encadraría o feche de Vigosónico e das súas predecesoras, "que eran máis accesíbeis pola súa situación máis céntrica na cidade". 

O feche actual das instalacións de ensaio que empregaban os grupos musicais da cidade é, para o colectivo, "totalmente inxustificado por criterios sanitarios, como amosa a actividade das salas de ensaio privadas e as públicas de moitos outros concellos".

Hai uns meses, as bandas de Ferrol seguiran un camiño similar coa creación da plataforma Reapertura Xa Locais de Ensaio Ferrol, que segue a desenvolver a súa actividade para exixir a volta dos locais do mercado da Magdalena.

Comentarios