Caderno de Verán

Sabela Ramil: "A lingua galega dáme un punto diferente"

Sabela Ramil (Ourol, 1993) déuse a coñecer a través do programa de televisión Operación Triunfo. A finais do ano pasado sacou a seu primeiro disco, 'Despedida', gravado en Lisboa e composto por 7 temas, 2 deles en galego. A pandemia da Covid-19 e o confinamento truncaron a preparación da súa xira na que segue a traballar este verán.
fotoSabelaRamil
photo_camera Foto de J. Cordero, estilismo e maquillaxe de Reyes e Nonna.

—Nas vacacións, como é o seu día perfecto?
En contacto coa natureza. Seguramente me erguería cedo e iría co meu can dar unha camiñada preto do mar, até un cantil, un sitio onde non houbese moita xente. E despois ler, compor, escoitar música...

—Pero non está de vacacións, colabora coa Radio Galega...
Si, con Kiko Novoa. Xa mo propuxera hai tempo pero non se puido levar a cabo e agora facémolo máis estacional. O espazo chámase "Un verán con Sabela" e todas as sextas feiras polas mañás teño unha sección pequeniña. 

—E hai xira do seu disco 'Despedida'?
O disco saíu en novembro e a pandemia pillounos organizando toda a xira así que, de momento, a curto prazo non hai xira, pero haberá. Agora estou a reorganizar o meu proxecto. 

—No disco, igual que en OT, tamén canta en galego Pensa na posibilidade de gravar só nesta lingua?
Iso vai depender do momento creativo no que me atope. Nunca descarto nada porque ao final é o meu modo de vida, eu vivo en galego. A día de hoxe, as composicións sáenme nas dúas linguas pero se noutro momento me sae só en galego, pois só en galego irá. 

—E alguén dirá que estaría a limitar o seu mercado... 
A lingua dáme tamén un punto diferente co que teño ao carón, non creo que feche portas, ao contrario, a min abriumas.  


—Unha das cancións compúxoa Luísa Sobral, irmá do gañador de Eurovisión Salvador Sobral.
Si, o tema chegou a través da miña discográfica e eu encantada porque ademais a canción encaixaba moi ben no meu proxecto. Persoalmente, é unha honra ter unha compositora tan importante. 

—Poderiamos dicir que a carreira de Sabela vai cara á lusofonía?
A lusofonía para min é un mercado bastante interesante pero aínda son unha artista emerxente e teño que estabelecer primeiro as bases do meu proxecto e ver logo a onde o podo levar. Pero este disco traballeino en Portugal, non só pola composición de Luísa Sobral. A gravación de Despedida levouse a cabo en Lisboa e o meu produtor é portugués.

Este relato publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios