Esta profesora de matemáticas foi merecedora do segundo premio no Certame de Microrrelatos con 'Xaora'

Sabela Núñez: "Co meu relato quería facer ver, con naturalidade, que a diversidade sexual está aí desde sempre"

Participou co relato Xaora no Certame de Microrrelatos organizado por Nós Diario, coa colaboración das asociacións Arelas e Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística da Deputación de Lugo, e foi merecedora do segundo premio. Conversamos con ela sobre o certame e a diversidade sexual. 
sabelanunhez
photo_camera A profesora de matemáticas ten publicada con Galaxia a novela infantil 'O agasallo de Anya'. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Que significado ten para vostede recibir este premio?

Estou contentísima, fíxome moita ilusión, á parte de que me sorprendeu que o xurado reparase nas miñas palabras. O primeiro que quero é agradecelo e felicitar a Alma polo primeiro premio. Soltei sobre o papel o que quería dicir e despois deille voltas e voltas para reducilo...

Era como un xogo, mesmo cheguei a acurtar os nomes das personaxes. Paseino moi ben. Quería transmitir que a diversidade está aí, que non é unha cousa de agora.

Neste momento estáselle dando máis visibilidade, estase a tratar de normalizar, fálase nos colexios, hai charlas... Quería transmitir esa naturalidade.

Almorzo todos os días con Nós Diario e cando vin o anuncio do certame apeteceume contribuír, porque me gustou a iniciativa, e colaborei pensando en que houbese unha ampla participación para visibilizar a diversidade sexual da que falamos. 

Avante Media

O xurado di de Xaora que "mostra a diversidade sexual como algo non novidoso".

Parécenme moi ben, afáganme. Penso que colleron a esencia do relato, entenderon perfectamente o que quería transmitir. Quería facer ver con naturalidade que a diversidade é algo que está aí desde sempre, desde a xeración do avó, desde os animaliños...

Parecíame moi importante non tanto falar como transmitir con esas palabras a diversidade sexual e non sexual. Tratei de representar unha escena que se desenvolve na Galiza rural: un avó que convive cun compañeiro, que ten un compañeiro vital.

Agora non é tabú ese tema pero quizais a xente que agora ten 80 anos víao dunha maneira diferente.

Dicía tamén non só sexual porque no microrrelato aparecen animais, unha maceira que dá peras... Algo moi natural, sabes que unha maceira foi enxertada cun gallo de pereira e ti tomas as peras e non paras nin a analizar nin a nada... Sinxelamente é algo natural. 

Avante Toda

Alma dicía que entre a xente nova vai sendo máis fácil verbalizar a diversidade.  

Coincido coa visión de Alma. Teño a sorte de convivir coa rapazada, polo meu traballo e si que o noto.

É máis, un destes días estiven nunha conversa na que a unha embarazada alguén lle preguntou se era neno ou nena e a primeira resposta dela foi “iso saberémolo cando el ou ela o poida dicir”, e pareceume estupendo que a reacción sexa esa, non me imaxino tal resposta, xa non digo 20 anos atrás, nin cinco.

Así que si que creo que algo está a cambiar entre a xente máis nova e tamén a maior é máis capaz de entender.

A miña nai ten 93 anos e cando lle comentei que me deran o premio e lle deixei ler o texto díxome que lle parecía moi ben, que era estupendo, que antes era un tema tabú, pero que unha persoa desa idade poida velo así é un adiante. Imos por bo camiño.

Comentarios