martes 24/11/20
A peza ‘Xaora’ faise co segundo premio do concurso de ‘Nós Diario’

‘En tinta negra’ vencedora do Certame de Microrrelatos

Nove microrrelatos chegaron á fase final, na que  resultaron vencedoras Moanne (Alma Alonso) e Ollomao (Sabela Núñez).
Imaxe promocional do certame. (Ilustración: Álex Rozados)
Imaxe promocional do certame. (Ilustración: Álex Rozados)

Na mañá deste domingo 22 de novembro, o xurado do Certame de Microrrelatos reuniuse de maneira telemática para escoller a obra gañadora entre as 101 presentadas e as nove que chegaron até a final.

A peza En tinta negra, de Alma Alonso Costas (alias Moanne), de Gondomar, foi a vencedora, cun premio de 250 euros e mais a publicación do relato; seguida por Xaora, unha obra de Sabela D. Núñez (co pseudónimo Ollomao), de Muimenta, que percibirá 150 euros, e tamén verá editado o seu relato.

O xurado do certame organizado por Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, quixo destacar “o nivel dos relatos presentados sendo, máis difícil o labor da escolla das obras premiadas”.

Así, os textos presentados analizáronse desde varios puntos de vista, tendo en conta a vertente lingüística, a construción do microrrelato, o seus ritmo e profundidade e, por suposto, a mensaxe de diversidade sexual, motivación do certame.

Sobre En tinta negra, de Alma Alonso, o xurado explicou que nela “a palabra ten un poder fascinante”. “Durante séculos as persoas con identidades sexuais diferentes á norma víronse na necesidade de interpretar as palabras para tentar ver a vida nelas”, di o xurado.

En tinta Negra logra capturar o poder liberador de atopármonos nesa palabra impresa, na que se mostra un golpe emocional capaz de sentírmonos libres, sentírmonos acompañadas, sentírmonos válidas”, recalcan.

Da obra tamén destacan que se desenvolve “cunha prosa limpa e áxil que promete un camiño despexado no que os actos cotiáns e mecánicos van ligados directamente ao poder da liberdade”.

“Enmarcar a acción no sistema educativo fai que a lección sexa máis profunda aínda e deixa un regueiro de aprendizaxe para os presentes futuros” comentan, para engadir que “a tinta que tantas veces se ten usado para marcar as diferenzas é un antagonismo propio do relato, a mellor metáfora da disfunción coa que, acotío, nos presentamos neste mundo real e inxusto”.

Arredor de Xaora, de Sabela Núñez, o xurado destacou o “magnetismo” do microrrelato e mais “a súa sinxeleza e a perspectiva que nos dá do tempo”.

Segundo a persoas que analizaron e premiaron Xaora, a diversidade sexual non se mostra como algo novidoso ou patente neste mundo contemporáneo se non que os nosos devanceiros, perdidos na historia oculta, xa practicaban sen ningún tipo de traba até o nacemento do mundo moderno.

E de aí o interese da obra, que “lembra a existencia destas hoxe chamadas “distopías” a través de tres xeracións dunha familia e a importancia que ten este código xeracional á hora da educación do futuro”.

O concurso estivo aberto entre o 23 de setembro e o 23 de outubro de 2020, e nel participaron un total de 101 obras, das que nove chegaron á final, entre elas, ademais das gañadoras, contáronse os títulos: Os vagalumes do Misurina, Metamorfose das bolboretas, O jardín dos iguais, O lique dos bicos, Solange, Bolboretas de liberdade e Disidentes.

O xurado estivo composto pola escritora e tradutora, Ánxela Gracián; Cathaysa Veiras, en representación do Colectivo LGBT + Lugo; Cristina Palacios, da Asociación Arelas; Montserrat González, da área de Cultura da Deputación de Lugo; Xácia Ceive, de Sete Outeiros; o escritor Alberte Momán; e a redactora de Nós Diario, Belén Bouzas. Con voz pero sen voto, actuou Lino García, tamén de Nós Diario, secretario do xurado.

comentarios