Máis

O faro que alumea Fisterra

A tradición sitúa o edifico nos confíns da terra
Faro Fisterra Dixital
photo_camera O faro localízase na parroquia de Santa María, en Fisterra. / Nós Diario

O mar indómito da Costa da Morte foi durante séculos un dos perigos máis temidos polos mariñeiros galegos. O litoral que conforma esta rexión costeira foi testemuña  de máis de 140 naufraxios que hoxe están documentados.

Debido á gran cantidade de sinistros que aconteceron nas augas de Fisterra, xurdiron as historias dos raqueiros, unha especie de piratas que afundían os barcos confundíndoos. Algunhas das embarcacións que afundiron en Fisterra foron o vapor Sunrise, o mercante John Tenat ou máis recentemente o petroleiro Prestige.

O cabo de Fisterra é o máis occidental e emblemático de Europa, considerado desde a época dos romanos como o cabo da fin do mundo, "Finis Terrae". As primeiras civilizacións que asentaron nesa zona crían que despois do cabo Fisterra existía un lugar habitado por criaturas monstruosas e aterradoras.

A torre do faro forma parte dun conxunto arquitectónico máis complexo que incorpora as dependencias dos fareiros. A torre, feita de cantaría, é de base octogonal e remata nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Enriba localízase a bóveda coa lanterna poligonal, nunha altitude de 138 metros sobre o nivel do mar.

Cando se construíu o edificio en 1853, a lanterna funcionaba con lámpada de aceite. Despois de acometer distintas reformas decidiuse electrificar o faro con lámpadas de incandescencia, emitindo un feixe luminoso cada cinco segundos cun alcance de aproximadamente 31 millas mariñas.

A carón do faro localízase o edificio da Serea, que entrou en funcionamento en 1889 co obxectivo de reforzar os sinais do faro os días nos que a néboa impedise ver a luz. Emite dous sons estridentes cada minuto, cun alcance de 25 millas.

O terceiro edificio que compón o conxunto arquitectónico é o chamado Semáforo, situado a máis altura que o propio faro. Data de 1879 e o seu cometido orixinal era emitir sinais para a mariña de guerra.

Actualmente o faro alberga unha hospedaría de carácter rural que permite ás persoas máis aventureiras contemplar o océano Atlántico co zoar do vento como acompañamento.

Comentarios