Contracultura

Rosalía Quiroga e Eire Cid: "Queríamos contar un aborto feliz, articular un relato non traumático propio do século XXI"

Eire Cid (Vigo, 1991) e Rosalía Quiroga (A Guarda, 1993) son as creadoras de 'A moza que abortou e o contou', premiada no Carballo Interplay de 2023 na categoría de mellor proxecto de serie web e estreada no festival deste ano que está a decorrer esta semana na vila bergantiñá.
Rosalía Quiroga e Eire Cid, esta sexta feira, no Carballo Interplay. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rosalía Quiroga e Eire Cid, esta sexta feira, no Carballo Interplay. (Foto: Nós Diario)

—Por que querían falar do aborto desde esta perspectiva?
Rosalia Quiroga: Desde logo o disparo foi a convocatoria do Carballo Interplay. Tiñamos ganas de facer algo xuntas, tamén con Lara Álvarez, coa que xa traballaramos nalgunha outra ocasión e que encarna Cora, a protagonista. En concreto, a historia vén marcada pola preocupación que sentimos neste contexto actual ante o auxe dos discursos de odio que penetran en todos os espazos (como as redes sociais ou as aulas) e o ascenso da extrema dereita tanto en Europa como nos Estados Unidos.

Eire Cid: O tema do aborto sempre vai suscitar disputa política porque concreta moi ben a alianza entre o capitalismo e o heteropatriarcado. Creo que as persoas xestantes sempre imos estar baixo vixilancia con esta cuestión.

—Cora conta o seu aborto na cea de Nadal coa súa familia e é a súa irmá pequena quen grava toda a escena co teléfono. Por que facelo así?
R.Q.: Queríamos facer un retrato da sociedade patriarcal e pareceunos que coller a contorna familiar e ademais con ese engadido da cea de Nadal, con tanta exaltación de símbolos católicos, permitíanos mostrar unha xestión ideolóxica da revelación. Cora quere contar un aborto feliz, un matiz importante para nós. Queríamos poder articular un relato non traumático do século XXI, que non se vise atravesado por todo este discurso da ferida insuperábel que o único que fai é revitimizarnos ás persoas xestantes.

E.C.: Parecíanos tamén que unha reunión familiar permitía mostrar diferentes artistas da sociedade, porque ademais do propio núcleo familiar tamén están os tíos e demais familia extensa.

—Cales foron as dificultades á hora de filmar os episodios?
E.C.: Para comezar, o maior desafío foi precisamente tomar a decisión de facer un proxecto desenvolvido co móbil e pensado para consumilo tamén neste. Isto implica que, dentro da fotografía, tes que compor para o formato vertical, sendo difícil que quede estético. Ademais, é a irmá pequena de Cora a que grava, polo que nos situamos nunha mirada máis inocente e desprovista de prexuízos. E por suposto hai que ter en conta que todos os elementos que estamos gravando van ser consumidos a través dun teléfono, polo que todo ten que lerse moi ben, como os carteis. A nivel narrativo, a serie ten o conflito principal implícito no título, polo que tamén foi un desafío saber como segue esa historia e como se mantén a atención. Todo o proceso foi bastante antinatural para o que nós facemos, ademais de ter 11 persoas actuando diante de cámara en plano secuencia. A nivel de dirección foi todo un reto. A serie está gravada integramente co premio do Carballo Interplay, que son 3.000 euros, co que isto pode supor para departamentos como a arte ou o vestiario. Limita o desenvolvemento do traballo. E premio tamén implicaba ter todo listo nun ano.

R.Q.: Foi moi desafiante. Desexamos que a xente a vexa, comprobar como funciona o formato, tanto de falso documental como algo pensado para consumir no teléfono móbil. É unha serie moi experimental e foi moi desafiante facela por distintas cuestións a nivel técnico, de orzamento, ensaios e demais. E aínda así foi unha gravación chulísima porque tanto o reparto como o equipo técnico fixo moi bo grupo entre si e con nós tamén. Para min, foi a mellor gravación da miña vida.

Comentarios