sábado 24/07/21

Rosalía Fernández Rial: "A arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar"

Rosalía Fernández Rial vén de publicar Árbores no deserto (Galaxia, 2020), un poemario no que se nutre das reflexións de 11 pensadoras feministas para crear versos que desafían o paso do tempo e nos conectan coas mulleres que non calaron para que nós sigamos loitando. A súa poesía non é estática, atravesa o papel e invade todo o que fai: as performances, a investigación e o seu labor como docente en Cabana de Bergantiños. Conversamos con ela para debullar como a arte, o feminismo e a educación (e o uso do galego neste contexto) nos poden salvar do abismo en tempos convulsos.
smg1909rosaliaFdezRial
Imaxe da entrevista a Rosalía Fernández Rial. (Foto: Nós Diario)

É filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC, performer, escritora, profesora de lingua e literatura... Cal das súas múltiples facetas lle ocupa agora máis tempo?
Todas me ocupan tempo por igual. Sobre todo na actualidade, xa que a educación está nunha conxuntura moi complexa. E a arte e o pensamento veñen de demostrar que son o único que nos pode salvar. Intento abranguelas todas desde un punto de vista poético. O poético entendido nun sentido amplo, non só como poesía escrita, tamén como poesía levada á escena, á existencia, á musica e á educación. A educación literaria debe ter un compoñente poético, utópico e artístico. 

No seu último libro, Árbores no deserto, as súas creacións poéticas parten das reflexións de varias pensadoras feministas. A que se debe a escolla destas autoras? 
Algunhas foron inevitábeis, como Rosalía de Castro, polo feito de ser muller, galega e poeta. É a identificación e o símbolo máximo do noso país e da nosa literatura. Con outras pensadoras deixeime levar pola pulsión artística máis que por unha clasificación racional. Escollín aquelas coas que atopei unha conexión, un substrato poético. Tamén me deixei guiar pola intuición e por certas curiosidades como que Flora Tristán (unha das 11 mulleres que aparecen) é avoa dun famoso pintor. Todas elas me espertaron unha inspiración e un impulso creativo.

Como foi o proceso? Quen está máis presente nos poemas, vostede ou as diferentes autoras?  
Un dos meus principios compositivos é que a miña voz quedase, moitas veces, nun segundo plano. Non a perdo de todo, pero deixo que se transforme por completo. Era necesario facer unha polifonía na que miña voz nunca tapara as das outras mulleres. Quixen cuestionar o eu lírico tan intrínseco á poesía e transformalo nun nós lírico. 

Como conviven no poemario os recursos máis tradicionais como as glosas, ás que xa acudía Rosalía de Castro, coas técnicas máis innovadoras, como a poesía blackout que emprega no capítulo dedicado a Virgina Woolf? 
A convivencia da tradición coa vangarda é unha das miñas constantes a nivel de pensamento. Non somos nada sen as que nos precederon. Eu non tería voz, non podería escribir, non podería estudar, non podería ser poeta ou ser artista, se estas mulleres, e outras moitas, non fosen abrindo camiño. Rosalía de Castro xa foi una innovadora, o emprego da glosa no seu momento foi unha absoluta vangarda. Cantares Gallegos bebe da tradición oral, a glosa é moi propia da cultura popular e considero que a literatura oral das cantigas das nosas avoas é tan imprescindíbel como a de Rosalía. A primeira das escollas do non foi casual. Sojouner Truth, que inaugura o libro, era unha muller analfabeta, negra, escrava liberada e que traballaba no campo, por iso dicía o de "arei e sementei". Iso evocábame, necesariamente, ás nosas mulleres. Árbores no deserto é unha homenaxe a todas as mulleres, galegas e universais, que fixeron que nós hoxe teñamos outras oportunidades.

Ademais da entrevista de Amara Gándara á poeta Rosalía Fernández Rial, da que publicamos un extracto, no Sermos deste sábado percorremos o Museo de Pontevedra para gozar dos “Trazos do Terror” de Federico Ribas nunha reportaxe asinada por Xaime Toxo. Tamén saberemos como “Facer país nunha botella” da man de Lois Alcayde.

Na Andar e Ver Adela Leiro, Mon Daporte e Xan Colazo, do Colectivo Xea, amosan a ruta da “Devesa do Cervo e o Montouto”. 
Como cada sábado, no semanario atoparás tamén poderás atopar unha escolma cos libros, música, cinema e teatro da man de expertos como Mario Regueira, Xulio Carballo, Mauro Borrazás, Olga Brañas e Andrés Castro. Este número complétano reflexións de Pepe Barro sobre o deseño e de Lázaro Armental sobre a arquitectura. Como sempre poderás completar a sección de Pasatempos.

Recorda que podes ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña mañá a Nós Diario. Podes atopalo nos quiosques ou para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes inscribirte nesta ligazón.
 

comentarios