'Rockefeller en Mondariz', a serie que reconstrúe a viaxe pola Galiza do millonario estadounidense

A obra forma parte do programa organizado pola Fundación Mondariz e o Concello de Mondariz-Balneario para conmemorar o 150º aniversario da Declaración de Utilidade Pública das Augas de Mondariz.
Unha escena da serie. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha escena da serie. (Foto: Europa Press)

A serie de televisión Rockefeller en Mondariz, que reconstrúe a viaxe do multimillonario estadounidense pola Galiza, estrearase esta sexta feira, 11 de agosto, no salón de actos do Concello de Mondariz-Balneario (O Condado). Foi no verán de 1929, pouco antes de estoupar a Bolsa de Nova York, cando un novo John Davison Rockefeller chegou de viaxe á Galiza, onde visitou a catedral de Santiago, asistiu a unha corrida de touros en Pontevedra e pasou a noite no Grande Hotel de Mondariz, onde se entrevistou co daquela xefe do Goberno español, o ditador Miguel Primo de Rivera.

Case cen anos despois daquela viaxe, o realizador Valentín Carrera decidiu reconstruír a aventura de Rockefeller, e en especial a súa estadía no noso país, nunha serie documental coproducida pola Televisión da Galiza (TVG) e a Fundación 'Mondariz Templo da Auga'.

A peza audiovisual estréase esta sexta feira, contando a volta ao mundo do multimillonario na que percorreu Europa, China, Xapón ou o Pacífico. Durante toda a viaxe, Rockefeller escribiu un diario até o momento inédito, que se conserva e cuxo relato é o fío condutor desta serie.

"Rockefeller en Mondariz é o resultado dun minucioso traballo de procura de arquivos, en máis de trinta fondos documentais do Estado español e América", explican desde a Fundación e mais o Concello, a través dun comunicado conxunto.

Este é un traballo en equipo presentado por Alicia Carrera Castaño —Melina Miller, na versión inglesa—, con realización de Carlos Prado Pampín, narración de Isabel Vallejo e Stephen Hughes, vestiario de Saturna, montaxe e posproducción de Javier Silva e a participación especial de Sandra Carrera como Carmen Primo de Rivera e Luís Iglesia como John D. Rockefeller III.

A obra forma parte do programa organizado pola Fundación Mondariz e o Concello de Mondariz-Balneario para conmemorar o 150º aniversario da Declaración de Utilidade Pública das Augas de Mondariz.

Comentarios