Os ritmos de jazz volven ao escenario do Teatro Principal

Carmen Rei e Gonzalo del Val protagonizan o ciclo de música.
Luis Carballo e Carme Fouces, onte en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Luis Carballo e Carme Fouces, onte en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)

'Jazz no Principal' volverá ao escenario por excelencia da cultura pontevedresa, no corazón da zona monumental, os vindeiros días 29 de abril e 6 de maio. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, xunto co coordinador do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), Luis Carballo, presentaron onte a nova edición deste ciclo musical, lembrando a "importancia da estreita relación" que a cidade garda co jazz, co SPJ e a imaxe referencial que proxecta "xa non só no país, senón en todo o Estado". 

"É un feito que 'Jazz no Principal' logrou trasladar este xénero a toda a cidade, e desde o Concello só podemos amosar orgullo por termos apoiado esta iniciativa desde o primeiro minuto", sinalou onte Fouces. "Poder dicir que temos un ciclo musical que leva xa case 20 anos funcionando é algo impresionante", engadiu. 

Fouces lembrou que este ciclo achega "o melloriño do jazz", que este ano se materializa na figura da galega Carmen Rei, vocalista galega e referente nas novas músicas que se fan na Galiza; e o baterista mirandés Gonzalo del Val, todo un referente do jazz actual que se fai na península Ibérica. Carmen Rei subirá ao escenario do Teatro Principal pontevedrés o próximo sábado, 29 de abril; mentres que Gonzalo del Val fará o propio unha semana despois, o día 6 de maio. 

Un ano máis, estes artistas estarán acompañados dos novos valores do jazz galego, cunhas bandas formadas polo alumnado do SPJ, "o que se traduce nuns concertos únicos na súa especie", afirmou  a concelleira de Cultura. 

Formación

Pola súa parte, Luis Carballo apuntou que a programación do ciclo de jazz completarase con cadanseu obradoiro de formación impartido polos propios referentes musicais –Rei e Del Val–, que terán carácter gratuíto e con diploma acreditativo. 

Comentarios