Gatillazo (sábado). Gatillazo son La Polla despois de La Polla aínda que agora La Polla está de volta. É o proxecto que ergueu o carismático vasco galego Evaristo Páramos finiquitada a traxectoria dos responsábeis de pezas mestras do punk ibérico como Salve (1984), Revolución (1985), No somos nada (1987). Profunda nas mesmas chaves: aires Dead Kennedys, ilustrada lírica de combate, salvaxe sarcasmo. E en directo non esquecen os clásicos de La Polla.
Skacha (sábado). Hai uns meses, Skacha anunciou por sorpresa o seu regreso aos escenarios despois de nove anos parada. Street punk de barrio vigués, orgullo obreiro e apoloxía da desobediencia, cinco gravacións puntúan a existencia dunha banda sempre á marxe dos circuítos convencionais e que, aínda así, xunta unha nutrida freguesía de incondicionais. Desde Catro (2010) non publica música nova.
Gogol Bordello (domingo). O disco de 2005 que situou esta banda ucraíno estadounidense no mapa sintetizaba no título a súa proposta: Gipsy Punk [Punk Xitano]. Descendente directa do santoral Mano Negra, The Pogues e The Clash, as súas aceleradísimas actuacións concentran elevada enerxía, ambiente festeiro desbocado e o espectáculo inigualábel do seu líder, Eugene Hütz. O seu último traballo é Seekers and Finders (2017).
Bastards On Parade (domingo). Se a crítica fala de folk punk para se referir aos fillos bravos de Shane MacGowan, cos coruñeses Bastards on Parade cómpre darlle a volta ao sintagma. O seu punk folk celta emparenta con referencias do subxénero como os estadounidenses Dropkick Murphys. Cara á liberdade titúlase a súa gravación de estudio do pasado ano, en que bourean guitarras eléctricas, sección rítmica de batería e baixo, gaitas e acordeón.
O Leo i Arremecághona (domingo). Cantautor punk, trobador antifolk, músico vagabundo e militante que reivindica por igual Billy Bragg e Suso Vaamonde, Son House e Mini e Mero, The Birthday Party e Radio Océano. Ducias de concertos ao ano, en bares e festivais, en centros sociais e auditorios públicos, canalizan a súa agudísima lírica, pura intelixencia e un axustado retrato do país.