Revenidas engade máis nomes ao cartel de 2023

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, vai completando pouco a pouco o seu cartel do festival, sempre seguindo a súa filosfía de incluir destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestión como a paridade de xénero ou a presenza de linguas minorizadas.

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía) desde a quinta feira 7 de setembro ao domingo 10, segue engadindo nomes ao seu cartel. Aos xa coñecidos e anunciados, entre os que figuran nomes destacados como Ska-P, Ana Tijoux, Zoo, Desakato (que ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro concerto na Galiza), Heredeiros da Crus, Sara Hebe, Rodrigo Cuevas, Los Chikos del Maíz, Fillas de Cassandra, Lamatumbá, Tropa do Carallo ou Dakidarría (que gravarán en Vilaxoán o disco en directo do seu XX aniversario), súmase agora outra destacada nómina de artistas. 

Nomes que son garantía de festa e compromiso como o colectivo madrileño  Tremenda Jauría, o grupo formado por excompoñentes de La Raíz, Nativa, ou a banda de ska, reggae e rock La Regadera.

 

Tamén se suman a gran revelación da música galega deste ano -con permiso de Fillas de Cassandra-, os imbatíbeis The Rapants; un nome propio con maiúsculas no desenvolvemento e modernización da nosa música tradicional como é Xosé Lois Romero e Aliboria; un nome emerxente desa mesma escena, como é Mondra; os cada vez máis arrebatadoramente festivos Familia Caamagno; a conexión entre Latinoamérica e a Galiza que representa Sheila Patricia; o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak.; a gañadora do concurso de Sonidos Mans, unha promesa da música galega que xa é realidade, Hydn; propostas para público familiar como Uxía Lambona e a Banda Molona; e dúas Dj's femininas que repiten tras o éxito acadado o ano pasado: Kris K Dj e La Yaya Dj. 

A estas incorporacións, o Revenidas sumará nos vindeiros días outras presenzas, ao tempo que anunciará as clásicas actividades paralelas como son a Gala de Circo, os concertos a bordo, os roteiros guiados e a sardiñada popular que terá lugar o domingo 10 de setembro. 

Comentarios