Contracultura

Hydn: “De pequena xa lle pedía á miña nai que me presentase a Eurojunior, mais nunca o fixo”

Sandra Guedev, a cantante detrás de hydn (pronunciado como hiden, agochado en inglés), vén de quedar entre as doce artistas favoritas para representar o Estado español no festival de Eurovisión 2023. Coa súa aposta polo galenglish, unha mestura de galego e inglés, e por un estilo definido entre o dark pop e a electrónica, Guedev defende que “agora a xente xa non quere escoitar o de sempre, hai tanta oferta que precisas algo diferente para destacar”.
Hydn é o nome artístico da cantante Sandra Guedev. (Foto: Nuria Rey)
photo_camera Hydn é o nome artístico da cantante Sandra Guedev. (Foto: Nuria Rey)

Como xorde o nome artístico?

Antes de lanzarme a este proxecto en solitario estiven nun grupo e, despois de meses pensando un nome, decidín ir á lista de nomes descartados para o grupo. O último nome que eu propuxera antes do definitivo foi hydn e era perfecto para min. Gústame que sexa un pouco confuso e que ao final o propio nome estea oculto, polo xogo de palabras con hiden en inglés. Tamén, fago música en galenglish para visibilizar máis o galego, que está oculto, e tendo a xogar bastante coa merda que agochamos, como digo eu. Para min, cantos máis significados teña todo, mellor.

Falando do galenglish, por que mesturar galego e inglés? 

A música que eu escoitaba ou que facía co meu grupo era en inglés, mais tamén son neofalante, son unha persoa que no medio do camiño pensou por que admiraba a poesía en galego e non o falaba. Cando comezou a xurdir máis música en galego, o único similar ao que eu escoitaba era Verto. Vendo Kali Úchis, que fai poesía en espanglish, ou Paloma Mami, pensei por que non mesturar o galego e o inglés. Intento achegarme á mocidade galega, ofrecer algo que me gustaría que houbese para min, e por outra parte a xente que non sabe da existencia do galego, escoita música nesta lingua.

É o que máis me move, mais non é só iso: son dúas linguas que encaixan moi ben, explícao mellor a miña vocal coach. É moi cómodo mudar dunha lingua a outra e creo que queda moi bonito.

Cal é a pegada de hydn?

Hai un tempo houbo unha tendencia en TikTok precisamente coa canción Telepatía de Kali Úchis. Xente que falaba inglés intentaba cantar a parte en español e fallaba dunha forma bastante terríbel. A miña ilusión sería ver iso nun par de anos cunha canción en galego, que isto lles chame a atención e que acaben consumindo máis cultura na nosa lingua.

Como foi o proceso de presentarse a Eurovisión?

De pequena xa lle pedía á miña nai que me presentase a Eurojunior, mais nunca o fixo, e menos mal porque cantaba fatal.

No Benidorm Fest do ano pasado, lembro estar na casa vendo as Tanxugueiras e pensando en todas as posibilidades que iso supuña, porque nós cando medramos nunca tivemos as expectativas de que a música en galego puidese chegar aí. É un pouco calar os estereotipos que temos tan interiorizados.

Cando non gañaron dixen “vouno facer eu, preséntome e que pase o que teña que pasar”, porque adoito ter esa actitude de, como digo eu, imos queimar con todo. Agora é totalmente surrealista ver o apoio que teño, porque hai que ter en conta que son unha artista emerxente, comecei con hydn en febreiro, e aínda que teño o meu equipo son autoxestionada e autofinanciada. Cría que non me ían ter en conta porque son demasiado pequena para iso, pero agora vexo que é un toque de atención porque son unha rapaza que gusta a bastante xente.

Oxalá chegar ao Benidorm Fest e a Eurovisión, pero paso a paso. Creo que ás veces aínda non o asimilo, véxome máis pequena do que se me ve desde fóra ou do que son en realidade.

O contexto actual axuda a que nazan proxectos orixinais?

Desde logo. Eu veño do audiovisual, onde abunda o pensamento de que para chegar a algunha parte tes que marchar a Madrid. E na música ocorre o mesmo, parece que tes que facer música en español se queres que che fagan caso. Por que vou facer algo que non sinto como meu cando podo facelo á miña maneira? As redes sociais tamén democratizaron un pouco máis a música e todo o mundo fai un pouco máis o que lle apetece. Agora a xente xa non quere escoitar o de sempre, hai tanta oferta que precisas algo distinto para destacar

Comentarios