O retrato da clase traballadora galega de Nicolás Muller

Na Cidade da Cultura, en Compostela, pode verse, até o 5 de novembro, a exposición Nicolás Muller. Vento Norte, que presenta 131 imaxes dun dos fotógrafos húngaros que deron vida á fotografía social a partir do período de entreguerras. As obras inclúen varias instantáneas tomadas na Galiza na década de 1960, que permiten reconstruír a vida da clase traballadora naquela altura.
Fotografía tomada en Betanzos por Muller.
photo_camera Fotografía tomada en Betanzos por Muller.

Regaláronlle a primeira cámara aos 13 anos e xa non deixou de facer fotos até o seu pasamento, aos 86. Sendo estudante de Dereito e Ciencias Políticas, percorreu o seu país, Hungría, fotografando as condicións miserábeis e practicamente feudais nas que traballaba o campesiñado, o que levou á dereita a poñelo no seu punto de mira. A Alemaña nazi exercía unha crecente influencia sobre a política húngara, así que, tras a invasión nazi de Austria, decidiu trasladarse a Francia, onde se relacionou con colegas da altura de Robert Capa ou Brassaï e traballou para distintas publicacións da marxe esquerda do espectro ideolóxico, como Regards ou Paris Match

Nicolás Muller, nado Müller Miklós (Orosháza, Imperio austrohúngaro, 1913-Llanes, Asturias, 2000), de ascendencia xudía, malia que non profesaba relixión ningunha, seguiu sentindo na caluga o alento nazi e decidiu fuxir a Portugal, mais o signo dos tempos foi atrás del e as fotos duns nenos nun mercado valéronlle a animadversión da policía política do ditador Salazar, que o encarcerou e que só o deixou libre baixo a condición de non regresar nunca máis ao país. 

Instalouse daquela en Tánxer, onde viviría durante nove anos e onde abriría un estudio que lle permitiría trabar amizade co xornalista asturiano Fernando Vela, secretario da Revista de Occidente. Aquela relación remataría co traslado ao Estado español en 1948 e, anos máis tarde, co estabelecemento definitivo do fotógrafo en Asturias. 

Unha mirada comprometida

A exposición Nicolás Muller. Vento Norte, que se pode ver na Cidade da Cultura de Santiago até o vindeiro 5 de novembro, é unha crónica da vida no norte da península na década de 1960, con 82 fotos tiradas na Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa, completada con outras 49 instantáneas escollidas entre os traballos máis célebres de Muller, tomadas en Hungría, Francia, Portugal ou Marrocos. 

A selección deixa constancia da preocupación de Muller por retratar a dura vida dos campesiños e dos obreiros, o mundo do traballo e, en xeral, a realidade dos máis desfavorecidos. Unha mirada crítica que fora educada nas teorías estéticas e sociais da Bauhaus e do construtivismo e na que se percibe o gusto pola composición, polas liñas diagonais que imprimen dramatismo á escena e, sobre todo, por unha fraternidade que lles outorga dignidade aos protagonistas das súas imaxes. 

Muller -de quen xa se puideran ver obras o ano pasado na exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, tamén na Cidade da Cultura- visitou con relativa frecuencia a Galiza, retratando paisaxes e figuras de Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Combarro ou Betanzos. Percorreu extensivamente todo o Estado para tomar as imaxes que lle encargaban de diferentes publicacións, viaxes que aproveitaba para, ademais,  sacar as instantáneas que máis lle interesaban a el e nas que deixaba constancia das condicións de vida das persoas. 

Son precisamente esas imaxes máis próximas á fotografía social as que espertan o actual interese cara ao seu traballo. A filla de Muller -a tamén fotógrafa Ana Muller- explicaba que case sempre acababa decepcionado polos libros que lle editaban, -sempre cun enfoque basicamente comercial, moi centrado na paisaxe- e que iso o impulsaba a organizar unha exposición máis persoal despois da publicación dalgún daqueles volumes. 

A paisaxe fotográfica non lle interesaba tanto como as persoas que desenvolvían a vida dentro dela. "Sempre intentei incluír algunhas persoas ou a vida dentro da paisaxe. A pegada da humanidade", dicía. 

Reconstrución da vida cotiá nos anos 60

A exposición que agora se pode ver en Santiago de Compostela está composta de fotografías pertencentes ao Museo de Belas Artes de Asturias, ao Fondo Ana Muller e ao Arquivo Rexional da Comunidade de Madrid, e permite reconstruír unha parte significante da vida na Galiza dos anos 60 do pasado século. Comisariada polo fotógrafo José Ferrero Villares e pola propia Ana Muller, ofrecen unha gran cantidade de fotos inéditas -algunhas delas ían formar parte dun volume dedicado á Galiza que, finalmente, non chegou a publicarse- ou que foran publicadas sen respectar o formato orixinal nas que foran realizadas polo fotógrafo.  

Escenas de labores relacionados coa pesca e co agro en Vigo ou en Betanzos, mulleres traballando, ou fragmentos da vida cotiá en cidades, vilas e aldeas posibilitan facerse unha idea de como transcorría a existencia da clase traballadora naquela altura.


Fotografía húngara de entreguerras

Precursor da fotografía social en Hungría, Nicolás Muller é autor dunha impresionante serie de fotos sobre a vida rural e campesiña do seu país na década de 1930. Aquelas imaxes, tomadas a partir da admiración polo construtivismo e da intuición, foron perfeccionándose despois de entrar en contacto coa obra do grupo de artistas húngaros que cambiou o curso do fotoxornalismo entre as dúas grandes guerras: Brassaï, Capa, Kertész, Moholy-Nagy e Munkácsi.

Comentarios