Máis

Restos en pedra do pasado

As antas agochadas da comarca de Lugo. A anta de Adai atópase próxima aos petróglifos e ao altar homónimos.
Altar de Adai próximo á anta de Adai. (Foto: Rodrigo Rega).
photo_camera Altar de Adai próximo á anta de Adai. (Foto: Rodrigo Rega).

Se ben é certo que a comarca de Lugo é maiormente coñecida pola súa relación coa historia do imperio romano, quedan tamén vestixios dun tempo anterior, malia que semella que localizar na contorna algúns deles, especialmente en bo estado, non é tarefa doada.

No que ás antas se refire, entendéndoas como os enterramentos funerarios característicos da prehistoria, os exemplos que se poden visitar son escasos. Mais entre eles atópase a anta de Adai, situada na parroquia homónima, na comarca de Lugo. O seu estado de conservación é débil e a falta de estudos en profundidade implica que se descoñeza a data exacta de construción, chegando a situarse as súas orixes hai 5.200 ou 3.800 anos atrás.

Unha franxa de tempo tan ampla que proba a falta de coñecemento sobre o monumento. Entre as súas características técnicas destacan unha cámara poligonal con cinco ortostatos (pedras colocadas en posición vertical que actúan como paredes e piares), así como dous corredores. Un dos factores máis interesantes deste conxunto é a proximidade a outros restos arqueolóxicos de valor histórico, como é o caso dos petróglifos de Adai ou do Altar de Adai.

Así, estes petróglifos constitúen unha serie de gravados con formas de círculos e cazoletas que se sitúan nunha zona de abundancia de seixo branco, que podería ser o material empregado para tallar as iconas. O Altar de Adai, pola súa parte, constitúe un patrimonio pouco común na Galiza, chegando a considerarse que esta gran rocha de máis de 10 metros de lonxitude e rodeada de 17 cavidades puido ser a base dun santuario.

O concello de Friol conta tamén con outro destes monumentos prehistóricos, neste caso declarado como Ben de Interese Cultural. A anta da Moruxosa forma parte das Medorras de Agruña e conta con seis ortostatos e unha lousa de teito e aínda que no seu interior adoitaban verse figuras en zigzag, na actualidade atópanse esvaecidas. Outro exemplo patrimonial é a anta da Pena Dereita en Outeiro de Rei, unha construción difícil de atopar e con máis de dous metros de alto nos esteios que se conservan.

Comentarios