Máis

As antas de Vimianzo

Construcións nas que prima a arte pictórica. Nove antas para coñecer mellor os soterramentos prehistóricos de Vimianzo. 
pedra cuberta turismo web
photo_camera Anta da Pedra cuberta en Vimianzo. (Foto: Turismo da Galiza)

En Vimianzo (Terra de Soneira), a historia mantense viva, soterrada entre as súas antas. Estes enterramentos funerarios aparecen moi presentes nas proximidades da contorna. Tanto que o Concello ten deseñado un roteiro que permite coñecer mellor cada unha destas nove antas.

Un roteiro circular de perto de tres horas e media que ten unha das súas paradas na Anta da Mina. Este monumento megalítico conta con entre 6.000 e 5.000 anos de antigüidade e pénsase que xunto con outras dúas mámoas, hoxe desaparecidas, puido chegar a formar parte dunha necrópole. En 1936 tiveron lugar unha serie de escavacións clandestinas por parte dos buscadores de tesouros que condicionaron este espazo.

Outra visita obrigatoria é á Pedra da Arca, destacando especialmente polos seus gravados e pinturas. Desta forma, o esteo da cámara funeraria recolle gravados en forma de U e V así como restos de pintura vermella. O volume das lousas e a amplitude do seu diámetro convértena nunha das antas máis grandes da Galiza, o que permite que soporte o peso dunha tapa de 12 toneladas.

A seguinte parada atópase na Casota de Berdoias, nunha das antas máis recentes da zona (con perto de 4.500 anos de antigüidade) e que se distingue pola ausencia de corredor, conformada por unha cámara rectangular e tres esteos verticais que sosteñen a pedra da cuberta e contando tamén con gravados de cruces e pequenas covas.

Continuando a viaxe chégase até a Pedra Cuberta. Unha das antas mellor coñecidas debido aos estudos realizados nos anos 30 por Georg e Vera Leisner que facilitaron recoller información sobre a decoración pictórica do lugar que mestura pinturas serpentiformes, onduladas e de círculos concéntricos en cor negra e vermella sobre fondo branco. Crese que estas formas onduladas poderían representar a auga e as circulares os astros mentres a cor vermella sería unha referencia á sangue.

A ruta complétana o monumento de grandes proporcións da Pedra da Lebre, a anta de 15 metros de diámetro da Pedra moura ou os monumentos da Arca da Piosa, a Arca de Rabós ou a Arquiña Vilaseco.

Comentarios