Resgatar paredes das labazadas da intemperie

Na Galiza hai importantes obras de arte nas paredes e nos muros. Como as hai en Berlín ou Nova York. Ou no chamado Corredor cultural de Galicia, un bairro de Ciudad Bolívar que resgatou as paredes das labazadas da intemperie.

Carballo, outra maneira de ver  carrapuchiña. Obra de Llorente e Fernández
photo_camera Carballo, outra maneira de ver carrapuchiña. Obra de Llorente e Fernández


O grafite, inicialmente manifestación cultural remitida a pobres, negros, inmigrantes e moradores de guetos, alcanzou rapidamente a aceptación do público xeral e hoxe comparte rúas polo mundo adiante, alén das máis caras galerias de arte dos distintos países. Na Galiza ten tamén abundante presenza, salientando especialmente localidades como Ordes ou Carballo.

A palavra no muro ficou coberta de tinta
A cidade de São Paulo tamén se destaca coa presenza e valorización da chamada arte de rúa. Diversos muros e faixas de predios aparecen ornados con deseños de distinguidos artistas que alegran e traen contraste ao ton pastel da metrópole. 

Apagaram tudo
Pintaram tudo de cinza
A palavra no muro ficou coberta de tinta
Apagaram tudo
Pintaram tudo de cinza
Só ficou no muro tristeza e tinta fresca


Así comeza a canción de Marisa Monte que esta semana gañou millares de postaxes nas redes desencadeadas pola acción do alcalde João Doria, que mandou borrar os grafites da Avenida 23 de Maio. 

A canción traída esta semana á actualidade fai referencia aos grafites de José Datrino, coñecido como Profeta Gentileza, figura lendaria da cidade do Rio de Janeiro, que a partir de 1980 escolleu 56 pilastras do viaduto da Avenida Brasil, nunha extensión de aproximadamente 1,5 km. para as encher con inscricións en verdeamarelo propondo a súa crítica do mundo e súa alternativa ao malestar da civilización. As obras de Gentileza foron tapadas con pintura na década de 90, feito que xerou a canción.

A canción de Marisa Monte alén de incentivar os valores expresados polo profeta:


Nós que passamos apressados
Pelas ruas da cidade
Merecemos ler as letras e as palavras de gentileza

retrata os danos ocorridos contra os murais, como di o fragmento: 


Apagaram tudo
Pintaram tudo de cinza
Só ficou no muro tristeza e tinta fresca 

A reacción social foi tamaña que as obras foron restauradas  e forman parte do patrimonio da cidade do Rio de Janeiro. 

Con anterioridade a Marisa Montes, na década de 1980, Gentileza foi homenaxeado polo compositor Gonzaguinha. A canción de Gonzaguinha mostraba unha homenaxe ao profeta, como se ve no fragmento:


Feito louco
Pelas ruas
Com sua fé
Gentileza
O profeta
E as palavras
Calmamente
Semeando
O amor
À vida
Aos humanos 

Grafiteiros, artistas ou agresores?

A cidade de São Paulo destaca coa presenza, e valorización, da chamada arte de rúa, até o punto de ser considerada á altura de cidades como Nova York, Berlín, Londres, Melbourne, Buenos Aires, París ou Moscova. Diversos muros e faixas de predios aparecen ornados con deseños de distinguidos artistas. O recoñecemento dos grafiteiros paulistas superou as fronteiras e as pinturas e murais de distintos representantes son admiradas en diversas partes do planeta, como é o caso dos traballos de Eduardo Kobra, Os Xemelgos (Otávio e Gustavo Pandolfo), Flip (Felipe Young), entre outros.

Moitos deses grafites da avenida foron confeccionados en 2015 por medio dun concurso público que contou coa participación de distintas grafiteiros brasileiros e internacionais e que permitiu a transformación da 23 de Maio en atracción turística.

Mais o novo alcalde non gosta da arte de rúa, que pode visualizar toda a xente. Antes de asumir o cargo, Dória xa anunciara unha cruzada hixienista contra os pichadores, mesmo declarando que non son artistas e si agresores. Agora nesta segunda quincena de xaneiro, o executivo municipal ordenou pintar de cinza varios grafites desenvolvidos na cidade alegando que os mesmos estaban vellos e vandalizados. Así, São Paulo espertou, os últimos días, menos colorida e máis cuberta de cinza. A avenida 23 de Maio, importante vía que liga a rexión central á zona sur da capital paulista, un auténtico museo a ceo aberto, con 70 murais, amañeceu con moitos dos seus grafites “vandalizados pelo cinza da gestão Dória” en expresión dos movementos a favor do mantemento dos grafites.

Curar feridas urbanísticas

Grafiti en OrdesNa Galiza son varias as experiencias de arte na rúa mais hai dúas que salientan especialmente.
Unha é Carballo e o seu proxecto Derrubando Muros con Pintura, a iniciativa de arte urbana "que, dende hai xa case dous anos, está a converter a capital bergantiñá nun auténtico museo ao aire libre. A iniciativa, que quere curar con creatividade as feridas urbanísticas que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano de partir dos anos 60, contou nos últimos meses coas achegas de divers@s artistas internacionais e locais", afirma a web de Turismo Carballo

Outra é Ordes e as súas DesOrdes Creativas, un festival internacional de arte na rúa que se celebra cada ano e que reúne en cada edición a unha coidada selección de artistas do mellor do panorama galego, estatal e internacional.

 O Festival actúa como unha eficaz ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social, que converte vellos espazos en desuso ou abandoados en novos lugares cheos de vida e cor para o desfrute colectivo. Un grande museo público e gratuíto a ceo aberto.

No bairro Galicia, Ciudad Bolivar

Unido a esa idea de curar feridas urbanísticas e sob o nome de Corredor cultural Galicia cabe salientar un proxecto en Ciudad Bolivar. Alí o grupo Ink Crew  desenvolve o proxecto “A Contramano” onde muros que levaban anos sen pintar, esquecidos, “abofeteados por la intemperie", como din os impulsores do proxecto, mostran agora 12 incribles obras de arte no denominado corredor cultural de Galicia.

(Nas imaxes interiores, Ordes e Ciudad Bolivar)

Comentarios