De Reis de León a Reis da Galiza: o BNG pide repor os nomes no Panteón Real da catedral

O BNG de Compostela leva á próxima sesión plenaria unha iniciativa para repor os nomes dos reis da Galiza no Panteón Real da Catedral, pois a información dos paneis informativos non se axusta á realidade e reproduce as deturpacións da historiografía española, sen atender a documentación histórica da época.

xoana de castro no Panteón Real da catedral de Santiago 2
photo_camera Xoana de Castro no Panteón Real da Catedral de Santiago (Imaxe: Nós Diario).

Os paneis informativos do Museo da Catedral de Compostela, un dos máis visitados da Galiza, non se axustan á realidade e seguen a reproducir os nomes dos “reis de León”, como os define a historiografía española, a pesar de que se coroaron como reis da Galiza, segundo recolle a documentación da época.

Advírteo o BNG de Compostela, que esta sexta feira anunciou que presentará na próxima sesión plenaria unha iniciativa co fin de restituír os nomes dos monarcas galegos. De feito, o Rei Afonso VII da Galiza e León reflíctese aínda como Alfonso IX, “con intención de incluílo nunha ficticia nómina conxunta de Reis de Castela e León”.

"Esta é unha mostra máis de como o Reino da Galiza desaparece da historiografía española por unha cuestión política"

A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, pon de manifesto, nun comunicado enviado aos medios de comunicación, que “esta é unha mostra máis de como o Reino da Galiza desaparece da historiografía española por unha cuestión política, a través dunha ocultación deliberada, no empeño por eliminar a súa existencia da nosa memoria colectiva”.

Neste contexto, a formación nacionalista empraza todas as Administracións públicas a traballaren e colaboraren “de cara a restituír a transcendencia deste Panteón Real e recuperar a dignidade deste símbolo nacional galego, onde están reis e outras persoas de importante relevancia política ás que se debe o esplendor patrimonial de Compostela”.

Un acordo sen aplicar

O BNG lembra que en 2017 o Pleno de Compostela aprobou unha iniciativa para repor os nomes dos reis e para o uso do galego na sinaléctica, así como para organizar visitas guiadas para o conxunto da veciñanza ao Panteón Real, co obxectivo de explicar a súa importancia histórica.

Tamén se acordara a elaboración dun díptico informativo do significado histórico do Panteón Real para difundir entre as persoas visitantes. Porén, catro anos despois, o acordo non foi aplicado.

Os monarcas soterrados

No Panteón Real permanecen soterrados os restos de Fernando II e Afonso VIII, Reis de Galiza e León entre 1157 e 1230; Raimundo de Borgoña (finado en 1107), casado con Dona Urraca, conde de Galiza e pai de Alfonso Raimúndez, que foi coroado por Xelmírez como Rei de Galiza na Catedral de Santiago; Berenguela de Barcelona (finada en 1149), Xoana de Castro (finada en 1374), irmá de Inés de Castro e esposa de Pedro I e Pedro Froilaz, conde de Traba (finado en 1926).

As portas do Panteón Real abríronse ao público en 2003, logo de sete décadas de escuridade, grazas a unha campaña social emprendida pola Agrupación Cultural O Galo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios