Redondela e Cans ou como a cultura xunta máis de 50.000 persoas en menos de 20 km.

Case 50.000 persoas participaron en dous festivas que distaban menos de 20 quilómetros. En Redondela, o Festival de Títeres contou cun público de 35.000 persoas mentres que na aldea de Cans, no concello viciño de Porriño, vivían o audiovisual en galiñeiros, galpóns ou no torreiro. 

Homocatodicus
photo_camera Homocatodicus

Teñen moitos elementos en común. O primeiro, a implicación da veciñanza. A Asociación Xente Titiriteira consigue o apoio dos distintos sectores de Redondela e de máis dun cento de persoas voluntarias para que todo funcione no Festival Internacional de Títeres de Redondela. En Cans, a implicación da veciñanza é un dos secretos do Festival que ocupa espazos privados das casas e pon a andar os chimpíns que durante todo o ano se ocupan das tarefas do campo. 

Tanto un coma outro ocupan todos os espazos dos que poden dispoñer. En Cans, son galiñeiros, jalpóns, baixos ou o propio torreiro os que acollen aos milleiros de persoas que se achegan ás novas propostas de audiovisual ou aos concertos que inclúe a programación. En Redondela, prazas, rúas e demais recunchos convértense en improvisados escenarios para os espectáculos de monicreques e demais propostas escénicas que se achegan chamadas pola festa que invade a vila dos viadutos.

Referencias no calendario

O Festival Internacional de Títeres de Redondela coas súas quince edicións e o de Cans con once consolidáronse como dúas das propostas que entran con aplauso do público no calendario anual de citas culturais.Cunha liña propia que chama á asistencia, con sinais de identidade nos que a calidade da programación, a participación veciñal e a festa que vén unida á cultura, os dous festivais converteron ao sur de Pontevedra en espazo de referencia desta fin de semana na que máis arredor de 50.000 persoas vibraron co teatro, o audiovisual e a música en apenas 20 quilómetros de distancia. 

O programa do Festival Internacional de Títeres de Redondela ofreceu a posibilidade de coñecer o traballo de 25 compañías profesionais, á marxe das propostas de gorra ou os 19 grupos de música que participaron no concerto “Son Titiriteiro”. Ademais, 2.400 escolares participaron nos 8 espectáculos para colexios. 

Abarrote foi tamén a palabra de balance do Festival de Cans na súa XI edición. Os concertos de Herdeiros da Crus ou Os da Ría  ou o coloquio na Leira de Karra Elejalde foron dous dos momentos nos que o público se volcou con máis forza no programa de Cans. A presenza de Rogelio Groba e Pazos de Merexo, que participou no concerto con Kepa Junquera ou actuación sorpresa dos Diplomáticos de Montealto foron outros dos momentos estelares dun programa do que o audiovisual continúa a ser o centro. A estrea de “Os Fenómenos” recibiu, sen dúbida, unha ovación histórica no festival. 

Comentarios