Recitais e un manifesto centran o Día Internacional da Poesía na Galiza

O 21 de marzo conmemórase o Día Internacional da Poesía.  AELG propón o cancelo #Autoraspolapazecontraaviolencia e realízanse actos en varias cidades e vilas do país.
Antón Reixa é o autor do manifesto en Compostela (Foto: UVigo)
photo_camera Antón Reixa é o autor do manifesto en Compostela (Foto: UVigo)

O vindeiro 21 de marzo son numerosos os actos previstos por todo o país para conmemorar o Día Internacional da Poesía. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aproveitou este ano para convidar a sociedade galega lembralo co lema 'Autoras pola paz e contra a violencia'.

A entidade propón que se difunda "a través de calquera forma de creación e divulgación literaria ou artística en galego". Así, animan tamén a que as creacións que se realicen para conmemorar a data sexan etiquetadas nas redes sociais co cancelo #Autoraspolapazecontraaviolencia.

Actos na Coruña

Esta entidade, conxuntamente coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda, festexarán a data ás ás 17.30 h., diante do Teatro Rosalía de Castro, cunha selección musical de Saya Mohamed e o recitado de Nuria Vil, que se mergullará nas paisaxes sonoras de cinco poetas de diferentes xeracións: Rosalía de Castro, Luz Pozo, Luísa Villalta, Pilar Pallarés e Nuria Vil. 

Tamén na Coruña, o Concello realizará un acto ese mesmo día (Auditorio da Ágora, 20 h.) conducido por Dores Tembrás que consistirá nun recital poético con Yolanda Castaño, Emma Couceiro e Estíbaliz Espinosa. Fechará o acto unha actuación de AldaoLado.

Manifesto en Compostela

Coincidindo co V Festival 'Alguén que respira' de Compostela, esta segunda feira Antón Reixa, poeta ao que o festival lle encargou este ano o manifesto, utiliza este recurso como eixo dun texto incendiario no que subliña: "Non odias os calendarios, odias as relacións de produción / que ignoran a intelixencia da tenrura".

Reixa lerá o manifesto desde o balcón do Teatro Principal ás 18 horas, como inicio do programa de recitais da tarde. 

Actos no Carballiño e Guitiriz

A Fundación Insua dos Poetas, polo seu lado, realizará un acto na Esgueva, Madarnás (O Carballiño) no que participarán varios centros educativos da comarca. Haberá un recital de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, figura destas Letras Galegas 2022, por parte de oito escolares así como o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval. 

Por último, a Biblioteca Municipal de Guitiriz conmemorará a data coa presentación do libro Pretérito imperfecto. Confesións en pleno outono, de Minerva Varela, o 23 de marzo as 19.30 horas na Casa Habanera.

Comentarios