Bernardino Graña, homenaxeado pola RAG en vésperas do Día da Poesía

A Real Academia Galega vén de anunciar que renderá homenaxe ao poeta Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) a vindeira sexta feira, 18 de marzo.
Bernardino Graña. (Foto: Galaxia).
photo_camera Bernardino Graña. (Foto: Galaxia).

O acto terá lugar no Auditorio de Nigrán a partir das 17 horas, nas vésperas do Día da Poesía, que se festexa o 21 de marzo.

A directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, será a encargada de conducir o evento, que está previsto que comece coas palabras do presidente da Academia, Víctor Freixanes, e do alcalde de Nigrán, Juan González Pérez.

Segundo informou a RAG, o académico Xesús Alonso Montero pronunciará a 'laudatio' do homenaxeado e os tamén membros da academia Ramón Lorenzo e Ana Romaní recitarán versos da súa autoría xunto a Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Elvira Ribeiro, Héitor Mera e Miro Villar.

Tamén participarán no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), que tiña previsto participar nesta homenaxe "ao seu amigo" que tivo que ser posposto pola pandemia.

Produción literaria

A Real Academia Galega destaca de Bernardino Graña a súa pertenza á xeración das 'Festas Minervais' da Universidade de Santiago de Compostela, nas que foi premiado en distintas ocasións. Foi tamén un dos integrantes do Grupo Brais Pinto nos anos nos que continuou os seus estudos en Madrid xunto a Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro e Reimundo Patiño, entre outros intelectuais e artistas que apostaron pola "renovación da cultura galega en pleno franquismo".

A produción literaria do escritor abarca desde a poesía até o teatro ou a narrativa, como a novela Protoevanxeo do neto de Herodes (2005), gañadora do Premio Eixo Atlántico, ou A fuga a Exipto (2016).

A RAG especifica que como narrador publicou "sobre todo" obras dirixidas ao público infantil, con máis dunha vintena de volumes desde que obtivo o premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho con Ou león e ou paxaro rebelde (Galaxia, 1969).

Bernardino Graña é membro da Real Academia Galega desde o ano 2010. O escritor ingresou na institución, nun acto celebrado en Cangas do Morrazo, a súa localidade natal, cun discurso titulado 'Contos populares e Rosalía'.

Comentarios