Rebeca Domínguez é ilustradora

Rebeca Domínguez: “Usamos roupa con frases en inglés que non entendemos mentres o galego vai relegándose”

Rebeca Domínguez é unha ilustradora coñecida pola súa marca “Son un toxo e máis”. Os seus deseños, que xuntan ilustracións e trazos minimalistas con pequenos lemas en galego, pódense ver polas rúas, estampados en diferentes pezas de roupa como suadoiros ou camisetas. Rebeca leva desde pequena vencellada ao mundo da ilustración, aínda que nunca recibiu formación académica neste eido. Para ela, o seu obxectivo é duplo: desfrutar da súa paixón ao tempo que pon en valor o galego.
Rebeca Domínguez é a creadora da marca “Son un toxo”. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rebeca Domínguez é a creadora da marca “Son un toxo”. (Foto: Nós Diario)

-Cando tivo a idea de crear “Son un toxo”?

Eu estudei marketing e comunicación audiovisual, e desde que comecei a miña vida laboral, tiven claro que quería facer algo nese campo desde unha perspectiva creativa.

Desde que era unha nena sempre me gustou moito debuxar. Entretíñanme cun paquete de folios e un lapis. A ilustración é algo que me interesa moito. Chegou un punto no que comecei a facer retratos e a confeccionar un port-folio para poder ensinar esa parte de min. Nesa primeira etapa mesturaba retratos con ilustracións de todo tipo. Un tempo despois, regaláronme unha tablet, e iso ampliou as miñas posibilidades. Comecei a facer outro tipo de ilustracións, vencellando o galego con deseños minimalistas, que tivesen un pouco de chispa. De aí saíu “son un toxo”. Fun sumando creacións deste estilo. Comecei a estampar os meus deseños en pezas de roupa, e así foi como naceu a marca.

-Semella que o seu interese no mundo da ilustración vén de lonxe.

Como che dicía, cando era pequena, debuxar era o meu pasatempo preferido. Realmente, eu non teño formación como ilustradora. Simplemente é unha paixón que me fai moi feliz. Sempre que teño algún oco libre gústame experimentar, facer ilustracións, retratos....

-Hai algunha temática en concreto que lle guste tratar nas súas ilustracións?

Penso que non hai ningunha temática que toque especificamente, senón que intento facer un pouco de todo. O que máis podería aparecer como temática é a posta en valor da nosa lingua, pero iso ten máis que ver coa parte dos lemas en galego que acompañan as ilustracións que os propios deseños. Tampouco son oracións reivindicativas, pois intento que haxa un pouco de todo: refráns que me fagan graza, frases feitas que a xente lle gustan... Penso que estamos desaproveitando un pouco a nosa lingua.

Empregamos pezas de roupa con consignas en inglés que non sabemos o que pon, e mentres o galego vai quedando relegado. O meu obxectivo é poñer un gran máis de area para a posta en valor do idioma.

-Para unha artista, é difícil facer público o seu traballo nas redes e expoñerse ao xuízo colectivo da sociedade?

O meu é un proxecto pequeno, aínda que si que é certo que cando vou camiñando pola rúa e vexo a xente con suadoiros ou camisetas con deseños meus énchome un pouco de orgullo. No meu caso, a ilustración é algo que me gusta, polo que non me condiciona demasiado que agora sexa público. Tamén é certo que non fago nada que poida ser polémico. O tipo de mensaxes que lanzo non buscan espertar ese tipo de debates.

-Pensa que artistas que, coma vostede, buscan pór en valor a nosa lingua,  contan co suficiente apoio por parte das institucións?

Sinto que, a nivel de paixón de cada artista, que haxa apoio ou non pode chegar a ser indiferente. O tema vén cando queres desenvolver unha marca, por exemplo. Eu traballo con empresas de diferentes produtos para deseñarlles ilustracións que acompañen a estes produtos. Desde libretas até chisqueiros. O que pasa é que non hai moitas empresas que aposten por este tipo de contido, que inclúe lemas en galego, e que teñan unha produción o suficientemente alta como para vivir disto. Penso que as artistas galegas e que apostamos pola nosa lingua non temos demasiadas posibilidades para poder crecer. O feito de que tampouco se aposte polo galego desde as propias institucións fai que te acabes dirixindo a un público que é moi reducido.

Comentarios