O Sermos analiza o futuro da ilustración na Galiza

O semanario que sae publicado mañá tamén abrangue o tema da lingua da man do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato e fai unha parada na arquitectura pragmática. Para ler todos estes contidos e aínda máis só é preciso acudir ao quiosque e mercar o Sermos Galiza xunto co Nós Diario ou facelo a través da nosa loxa en liña.
Imaxe dunha das reportaxes que sairán publicadas no semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe dunha das reportaxes que sairán publicadas no semanario. (Foto: Nós Diario)

Como cada sábado, mañá hai outra cita co Sermos Galiza que vén con diversos temas que invitan á reflexión pausada na fin de semana. A reportaxe de apertura dedícase, coincidindo coa conmemoración do nacemento do debuxante, escritor e intelectural Afonso Daniel Rodríguez Castelao, ao Día da Ilustración e á realidade desta profesión no país. Baixo o título "A ilustración na Galiza. Un oficio con futuro?" Tensi Xesteira fala da homenaxeada deste ano e dalgunhas figuras actuais como poden ser Nuria Díaz ou Víctor Rivas, entre outras.

O protagonismo da entrevista é para o docente Xosé Ramón Freixeiro Mato. A xornalista Montse Dopico titula a peza "Freixeiro Mato. O optimismo posíbel" e a través das súas preguntas e das respostas do profesor invita a saber máis sobre o "sesquilingüismo" e o debate do bilingüismo.

Pola súa banda, Iago Valverde fai unha parada na arquitectura de Ismael Ameneiros e Santiago Rey. En "Ameneiros Rey. Pragmatismo sensíbel" amosa algunhas das propostas destes especialistas.

Nesta ocasión o Colectivo Xea -formado por Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta- destina o seu Andar e Ver á observación e o paseo tranquilo para gozar "Unha mañá de xeada", sen necesidade de ir moi lonxe da casa.

No semanario tampouco quedan de lado as recomendacións habituais e a música chega con Irene Pin e Fernando Montenegro. O estudo literario é responsabilidade de Mario Regueira e Manuel López Foxo. A crítica cinematográfica vai asinada por Andrés Castro.

Ademais, na sección de Arte, Carlos L. Bernárdez fala de Luís Seoane e no apartado Aquelas galegas Cilia Torna fixa o seu obxectivo en "Constanza de Castro, unha galega contra Castela".

Completan a oferta de contidos desta semana os pasatempos fornecidos por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Para gozar dun novo número do Sermos só é preciso achegarse mañá aos quiosques ou librarías (ou facer a compra na nosa tenda en liña) e solicitar o semanario que sae publicado co Nós Diario. Non perdas máis tempo e tramita xa a subscrición!

Comentarios