A Real Filharmonía interpretará 'A paixón de Simone' de Kaija Saariaho, dirixida por Joana Carneiro

O Auditorio da Galiza acollerá esta quinta feira, ás 20.30 horas, a representación desta ópera-oratorio asinada pola compositora finesa Kaija Saariaho na que se narra a traxectoria vital da filósofa francesa Simone Weil.

Kaija Saariaho en 2018.
photo_camera Kaija Saariaho en 2018.

A Real Filharmonía de Galiza, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, estreará no Estado esta quinta feira, 11 de abril, A paixón de Simone no Auditorio da Galiza. Trátase dunha ópera-oratorio asinada pola compositora finesa Kaija Saariaho  (Helsinki, 1952-2023) na que se percorre a traxectoria da filósofa francesa Simone Weil.

O espectáculo conta coa participación da soprano gala Karen Vourc’h, da actriz Inés Salvado como narradora, da bailarina Inês Pedruco e do mais cuarteto vocal conformado por Ângela Alves, Joana Valente, André Lacerda e Luis Pereira. Todo baixo a batuta da portuguesa Joana Carneiro, directora convidada pola Real Filharmonía para a ocasión.  

Weil é considerada unha das filósofas francesas máis representativa do século XX, ademais de ser unha relevante activista antifascista que formou parte da columna Durruti durante a Guerra Civil española e que se implicou na Resistencia Francesa. O seu pensamento influíu nunha boa parte da intelectualidade francesa tras a segunda guerra mundial.

Kaija Saariaho, falecida o pasado ano, foi unha das compositoras máis relevantes de finais do século XX e principios do XXI. Estudou composición na Academia Sibelius de Helsinki con Paavo Heininen, e en Alemaña con Klaus Huber e Brian Ferneyhough. En 1982 aprendeu composición musical por ordenador no IRCAM de París e instalouse na capital francesa.

En 1986 gañou o Premio Kranichsteiner en Darmstadt. A finais dos 90 comeza a compoñer ópera. En 2003 gañou o Premio Grawemeyer de Composición, o galardón máis prestixioso do mundo da música, pola súa obra L'amour de loin, estreada cunha montaxe de Peter Sellars.

Posteriormente, a súa música evolucionou cara a posicións máis modais en canto á melodía, en combinación co uso de patróns rítmicos e harmónicos máis regulares. En 2013 foi galardoada co Premio Polar. 

Mesa redonda

O día 10 ás 19.30 horas, o Salón de Actos da Facultade de Filosofía acollerá a mesa redonda A paixón de Simone: a filósofa Simone Weil na ópera de Kaija Saariaho. Nela intervirán a filósofa María Xosé Agra; o decano do centro anfitrón, Xavier de Donato, e Joana Carneiro, quen se encargará da dirección musical.

Ademais, o día da estrea, na Sala Mozart do Auditorio da Galiza, celebrarase un novo encontro de Conversas con no que a propia Carneiro falará co público ás 19.45 horas.

Comentarios