Carme Rodríguez, compositora: "No cinema a porcentaxe de mulleres compositoras de bandas sonoras é de 0,01%"

A compositora, orquestradora, arranxista e multinstrumentista Carme Rodríguez.(Duna G).
photo_camera A compositora, orquestradora, arranxista e multinstrumentista Carme Rodríguez.(Duna G).

Carme Rodríguez gañou, este pasado mes de setembro, o III Concurso Internacional de Composición 'María de Pablos', un recoñecemento máis para esta profesional coñecida polas súas composicións musicais para bandas sonoras en cinema e televisión. Deixou o seu Ribadeo natal hai uns anos para abrirse camiño en Madrid, nun mundo que, como explica con rotundidade nesta entrevista, está dominado polos homes. Para o futuro, un desexo: voltar á terra. 

A música formou parte sempre da súa vida?

Totalmente. Na miña familia sempre se respirou ese ambiente. Somos unha familia grande, con moitas e moitos músicos mesmo a nivel profesional. A miña irmá é percusionista profesional e miña nai é pianista e profesora, ademais de directora da Coral Polifónica de Ribadeo. Era inevitábel. 

Nos inicios da súa carreira tamén realizou actuacións como cantautora. Como foi esa experiencia?

Foi algo moi natural. Era a música que me interesaba. Estaba no instituto e vivía en Ribadeo. Comecei os concertos con 14 anos e logo con temas propios até sacar un EP aos 17 anos. Para min non foi un cambio moi grande logo estudar composición e dedicarme ás bandas sonoras. Seguen interesándome ambos os tipos de música. 

Como entra no ámbito da composición de bandas sonoras?

Foi como consecuencia de escoller carreira. Tardei en entrar por pensar nun principio que era un campo moi abstracto, inestábel. Un día, nunha conversa coa miña moza, descubrinme dicindo que o meu soño era facer bandas sonoras. Foi nese intre o punto de partida da miña actual profesión.

Como é o proceso de crear bandas sonoras?

Escribir música para bandas sonoras non deixa de ser facer de tradutora. Traducir as imaxes á música que precisan. Nós temos un traballo moi creativo mais sempre temos que adaptar o estilo dunha obra a outra, coa túa marca persoal mais sempre diferente por ser o que necesita a imaxe. Somos tradutoras do estilo dunha imaxe. Hai unha loita entre o ser creativa e o ser artesá.

Goza de boa saúde esta profesión na Galiza?

Eu agora vivo en Madrid e gustaríame vivir na Galiza, unha situación na que estamos moitas persoas novas. Pasa algo semellante a outros eidos. Aquí teño máis posibilidades de estar en contacto cunha industria máis ampla que me facilita xestionar as miñas enerxías con outras creadoras. Dá a sensación de que é máis sinxelo. Na Galiza estamos como estamos. A industria é máis pequena. En todo caso eu non me vou quedar a vivir en Madrid. O meu obxectivo é facer aquí o necesario para despois voltar á Galiza.

Gañou o III Concurso Internacional de Composición ‘María de Pablos’. Que significan para vostede este tipo de recoñecementos? 

Gañar premios en xeral é unha das formas máis gratificantes de poder sobrevivir neste mundo cando empezas. É unha forma de obrigarte a ti mesma a seguir traballando sen agardar a que te chamen. É un exercicio para estar activa. Este, en concreto, é importante por visibilizar o traballo das mulleres compositoras. O certame trata de pór en relevancia as obras das mulleres ao longo da historia da música. Para min é un orgullo poder partillalo con toda a xente que o organiza.

A muller tamén ten dificultades no mundo da composición musical?

É un dos ámbitos onde a diferenza é maior. Na industria do cinema a porcentaxe de mulleres compositoras de bandas sonoras é de 0,01%. Na música clásica a programación de obras de mulleres está en 1%. É un mundo no que parece que a muller non existe. Pasa como noutros ámbitos, non é que non exista, é que non se mostra. Hai moitas mulleres traballando ás que non se lles dá visibilidade. É o resultado desta sociedade patriarcal.  

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios