A Real Academia Galega presenta un volume sobre Martínez Salazar, o grande editor do Rexurdimento

Pedro López Gómez publica na colección Anexos BRAG unha aproximación “bio-bibliográfica” sobre o académico que sucedeu a Murguía na presidencia da RAG

Martínez Salazar.
photo_camera Martínez Salazar.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes ,acompañou esta terza feira a Pedro López Gómez, autor de Andrés Martínez Salazar: Aproximación bio-bibliográfica, na presentación deste novo título da colección Anexos BRAG. O volume inclúe un amplo capítulo sobre o labor editorial de Martínez Salazar (Astorga, 1846 – A Coruña, 1923)  -que foi fundador e presidente da RAG, libreiro e rexentou unha imprenta- e afonda noutros perfís, como o de arquiveiro e o de historiador, que o fan merecedor da consideración de figura destacada da renovación cultural da Galiza de finais do século XIX.

A obra propia de Martínez Salazar atópase dispersa en multitude de periódicos e revistas de carácter tanto divulgativo coma científico, e supera os douscentos artigos. Entre as súas achegas como investigador documental, Pedro López destaca a proposta biográfica de Mayor Fernández de Cámara Pita, a heroína da Coruña coñecida equivocamente como María Pita; ou os traballos sobre os guerrilleiros da guerra da Independencia.

Como editor levou ao prelo numerosos autores do Rexurdimento desde a Biblioteca Gallega (1885-1904) e promoveu Galicia. Revista regional de ciencia, letras, artes e folclore; e como paleógrafo e diplomatista publicou, entre outros, o códice galego do século XIV Crónica Troyana, que "desataría o entusiasmo dos intelectuais galegos dunha e doutra beira do Atlántico", indicou. 

 

Pedro López referiuse a estas iniciativas editoriais como “experiencias innovadoras que buscaron a perfección, a difusión e a promoción de escritores” ao servizo da cultura galega. “Segundo Rocher, Martínez Salazar foi o gran mecenas do Rexurdimento”, cita. “Foi o promotor da empresa editorial máis representantiva do Rexurdimento. A Biblioteca Gallega foi primeiro proxecto editorial estable nun momento en que o libro era o gran símbolo da modernidade e da dignidade da lingua”, valora na mesma liña Víctor F. Freixanes. “A Biblioteca Gallega é un fito da cultura galega do s. XIX”, comparte Ramón Villares.

O libro permite achegarse ao perfil máis persoal e á relación do protagonista coa Coruña e con personalidades dela como o bibliófilo Carré Aldao e outros membros da Cova Céltica ou Emilia Pardo Bazán. Nesta cidade vivía xa aos 25 anos e nela botaría raíces tras contraer matrimonio cunha moza coruñesa de familia acomodada, Petra Morás Suevos, con quen chegou a ter 19 fillos. “Ao parecer era unha muller de carácter e disposición, xa que rexentaba a libraría familiar nas horas de traballo de Andrés Martínez Salazar, ademais de encargarse da economía doméstica dun fogar sempre en necesidade de espazo e comidas para os numerosos fillos”, interpreta Pedro López.

A relación co primeiro presidente da RAG merece tamén unha epígrafe propia. “A súa grande amizade debeu ser Manuel Murguía, compañeiro, colaborador e mestre, que dirixiu as súas primeira publicacións. Murguía era director do Arquivo do Reino da Galiza cando Andrés chegou destinado alí, e trabaron unha boa amizade, que se renovou cando Murguía, que fora trasladado en 1892 á Biblioteca Universitaria de Santiago, conseguiu volver ao Arquivo Provincial de Facenda da Coruña, onde permaneceu ata 1905 en que foi xubilado”, detalla o autor.

 

Comentarios