A RAG dedica unha web a difundir a vida e obra do compositor Marcial del Adalid

A institución presenta un espazo na Rede que ofrece entre outros recursos, o catálogo das pezas compostas polo compositor coruñés e mais o da biblioteca musical familiar, unha pequena xoia da bibliografía musical europea do s. XIX
López Acuña, Víctor Freixanes e Laura Touriñán na presentación.
photo_camera López Acuña, Víctor Freixanes e Laura Touriñán na presentación.

O pianista e compositor Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 - Oleiros, 1881), pioneiro na incorporación á música académica da lingua galega e dos sons inspirados nas melodías populares do país, é un dos creadores máis relevantes da escena galega do seu tempo. Autor de perto de 300 títulos coñecidos, a práctica totalidade das súas composicións, tanto en manuscritos coma en obra impresa, consérvase na Real Academia Galega, que custodia desde 1928 un conxunto bibliográfico e arquivístico do músico que fan dela a institución de referencia para os estudos sobre a súa vida e obra. Tras completar a dixitalización destes recursos, a entidade dá un paso máis para facilitar o acceso a este rico fondo coa posta en marcha de marcialdeladalid.academia.gal, unha web na que tamén se pon á disposición dos usuarios outros contidos relacionados co autor que seguirán medrando proximamente.

A RAG ofrece neste espazo, por unha banda, o catálogo da produción musical de Marcial del Adalid e partituras da súa autoría en versión dixital, unha oferta que abranguerá proximamente a totalidade dos manuscritos e das edicións impresas conservadas no arquivo e na biblioteca da institución. Noutra sección é posíbel consultar o catálogo da biblioteca musical familiar, unha pequena xoia da bibliografía musical europea con moreas de primeiras edicións e exemplares raros, en ocasiones únicos, de grandes creadores do s. XIX. Ambos os catálogos naceron como parte fundamental do proxecto de investigación da tese de doutoramento que a musicóloga Laura Touriñán Morandeira lle dedicou ao músico coruñés, defendida na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2020.

Noutra sección percórrese a biografía do autor; na mediateca é posíbel descargar fotografías de Marcial del Adalid e a súa familia e ver gravacións audiovisuais de distintos músicos interpretando pezas do autor; e noutra lapela facilítase o acceso ás publicacións da Academia arredor do músico. Dúas son xa históricas e a última, Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega, outra contribución de Laura Touriñán, que sae do prelo dentro da colección Anexos do Boletín da Real Academia Galega.

 O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e mais o académico correspondente e musicólogo Fernando López-Acuña e a investigadora -coordinadores da web- presentaron esta quinta feira, 22 de febreiro, en rolda de prensa, o libro e mais a páxina, ambas as iniciativas apoiadas economicamente pola Deputación de Pontevedra. 

A RAG recibiu a biblioteca musical e o arquivo de Marcial del Adalid o 12 de decembro de 1928 por doazón de María del Adalid, a única filla que tivera coa súa dona, a escritora e académica correspondente Fanny Garrido (1842-1917), colaboradora literaria nalgunhas das súas obras máis senlleiras, como os seus cantares galegos. “Desde entón a Academia séntese obrigada coa memoria dun dos músicos máis representativos do noso Rexurdimento. Con esta nova web e o libro que asina Laura Touriñán, a institución salda en parte esta débeda histórica”, salienta Víctor F. Freixanes, que agradece o traballo e a xenerosidade da investigadora para divulgar “un autor que sobresaíu por ser pioneiro na procura do son da galeguidade desde a música académica”. 

Unha biografía que desvela novos datos sobre o autor

Fernándo López-Acuña destaca que a contribución que publica Laura Touriñán nos Anexos BRAG non é unha mera refundición da súa tese sobre o músico. “É un traballo de investigación que presenta novos datos. Toda a bibliografía consultada é sometida a crítica: na súa estancia no Reino Unido, como bolseira, na Royal Academy of Music, institución da que foi profesor Ignaz Moscheles, Laura Touriñán buscou as pegadas de Adalid en Londres. Por pór outro exemplo do seu ben facer, nos arquivos eclesiásticos castrenses vai buscar a acta de matrimonio entre Marcial del Adalid e Fanny Garrido, que finalmente atopa. Multitude de datos novos que, unha vez depurados, como pezas dun crebacabezas van configurando unha biografía de Del Adalid que a autora sitúa perfectamente no seu contexto histórico”, comenta o académico correspondente.

Pero posibelmente o máis atraente desta monografía para as persoas non especialista -engade López-Acuña- sexa o capítulo que dá a coñecer a biografía e a obra de Marcial del Adalid; e dentro del as páxinas nas que se afonda naquelas composicións que, dalgún xeito, están directamente relacionadas coa Galiza, ben pola música, ben pola lingua ou ben polo seu argumento histórico-literario.

Comentarios