Contracultura

Raquel Senra: "Traducir é o meu traballo, mais tamén hai un compromiso e un interese persoal"

Raquel Senra, tradutora, foi a encargada de dar forma a Teoría King Kong, da escritora e cineasta francesa Virginie Despentes, recentemente publicado na Colección Púrpura de Hércules, onde se integran outros clásicos feministas. Senra aborda as dificultades de escoller as palabras ou expresións que xiran arredor da prostitución, a cultura da violación ou a pornografía xa que, como ela di, “a autora utiliza un ton moi directo, inclusive incómodo, que reflicte moi ben a linguaxe oral”.
A tradutora Raquel Senra aborda o interese da obra de Virginie Despentes (Foto: Nós Diario).
photo_camera A tradutora Raquel Senra aborda o interese da obra de Virginie Despentes (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu a tradución de Teoría King Kong?

Foi unha proposta que lle fixen eu á editorial. Lin este libro grazas á recomendación dunha amiga e pareceume que propuña unha visión distinta á que estamos máis acostumadas. Penso que é unha voz interesante que non tiñamos en galego. Aliás, en Hércules tamén propuxera realizar a tradución ao galego de Anne a de Tellas Verdes, de Lucy Maud Montgomery, así que xa tiñamos unha relación laboral estabelecida.

O que ocorre é que desde que fas unha proposta até que se materializa pasan varios anos, no meu caso cando menos, porque o habitual tampouco é que a tradutora propoña os textos, senón que estes sexan a petición das editoriais. En ambos casos, pensei que eran propostas que encaixaban ben no traballo que xa se facía aí.

Sendo unha obra do 2006, que pode aportar agora?

Diría que é unha voz e unha referente dentro do feminismo que, polo seu estilo, a súa forma de falar sen pelos na lingua, abre vías de reflexión. Isto é importante sobre todo na rapazada, porque igual as persoas adultas, ou as que xa temos outra idade que non somos nin adolescentes nin universitarias, quizais xa lemos e coñecemos outros discursos. Mais creo que ler este tipo de ensaios pode abrir moito a mente.

Aliás, Despentes fala de temas que son moi tabú e que dentro do feminismo ou do pensamento contemporáneo hai veces que se obvian ou que se tratan doutra forma. Este libro tamén xerou moita controversia cando se publicou porque defende ou, máis ben, propón preguntas que cómpre considerar. É unha voz interesante porque ataca directamente o sistema e, igual que outras pensadoras e autoras, hai unha crítica ao capitalismo ao tempo que se introducen os coidados, así como os autocoidados; aspectos que deben ir da man. 

Cal foi o aspecto máis complexo á hora de realizar a tradución?

A autora utiliza un ton moi directo, inclusive incómodo, que reflicte moi ben a linguaxe oral. Ao escribir é complicado porque, dalgunha maneira, tes ese filtro de repensalo varias veces e de utilizar palabras máis acordes á linguaxe escrita. Por outra banda, ela tamén ten unha parte onde di que escribe para as feas, para as gordas e demais adxectivos. Claro, hai palabras ou expresións que non representan a mesma idea en galego ou que non teñen esa forza que ela intenta transmitir. Utiliza expresións moi fortes e moi directas, que inclusive poden chegar a ferir a quen as le, e á hora de traducir non sempre existen sinónimos que cumpran estas características.

En concreto, houbo unha palabra para a que intentei buscar a tradución en galego e a solución máis aparente foi expresar a mesma idea nunha frase, mais unha oración non ten a forza nin a expresividade dunha única palabra. Finalmente, despois de buscar noutras traducións e autoras galegas, optei por empregar o termo en español, porque por sorte ou por desgraza, tamén é moi común utilizalo na linguaxe oral galega: malfollada. Por outra banda, e como curiosidade, para a tradución desta obra había que cumprir unha serie de requisitos coa autora.

Tivemos que enviarlle o meu currículo para que me aprobase como tradutora. Aínda que descoñezo os motivos exactos, entendo que, igual que ocorre con outras autoras, quería asegurarse de que eu non fora allea ao movemento, que estivera familiarizada dalgunha maneira. Ao final é certo que traducir é o meu traballo, mais tamén hai un compromiso e un interese persoal e de aí que eu propuxera estas obras, porque penso que é importante que este tipo de libros estean dispoñíbeis e traducidos ao galego.  

Comentarios