Contracultura

Ramón Romero: "O audiolibro simplemente é unha forma diferente de consumir literatura"

Ramón Romero (Cambados, 1992), xornalista pola USC profesionalizouse en cursos de locución, publicidade e documentais. Despois de pasar pola Radio Galega tivo diferentes traballos, entre eles, o de gravar audiolibros en castelán. O contacto con ese mundo fixo que, xunto a Silvia Fernández (Cambados, 1993), filóloga, botasen a andar hai uns días 'Léocho?', a primeira editora destas características en lingua galega, onde el leva a parte da locución e ela céntrase sobre todo nos aspectos de corrección lingüística.
Ramón Romero céntrase na parte da locución en 'Léocho?'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ramón Romero céntrase na parte da locución en 'Léocho?'. (Foto: Nós Diario)

—Había un gran oco cos audiolibros na nosa lingua.
O mundo do audiolibro está en auxe. En xeral o de todos eses audios que, como os podcasts, a xente pode descargar de internet e escoitar como queira e cando queira, unha forma de consumo relativamente nova.

Eu entrei nese ámbito como traballador, da man dos audiolibros en castelán, pero non tardamos en decatarnos de que en galego non había nada similar. Nin viamos ofertas buscando locución nin nos parecía que os catálogos das grandes empresas (Amazon, Storytel...) contasen co galego. Porén, si que percibiamos unha demanda: nas redes sociais a xente pedía contidos na nosa lingua a estas empresas, ou, ás veces, un pouco “ao aire”, estrañándose desta falta e incitando ás editoras convencionais a facer algo así. Pareceunos que había que responder a esa demanda, aproveitando tamén que estamos nun momento de cambio.

—A que público se dirixen?
Como primeira idea quixemos que a nosa web fose moi fácil de empregar e cun proceso de compra sinxelo, tanto para a xente nova como para as persoas maiores, que tamén recorren a estas tecnoloxías. Ao mesmo tempo, hai unha vertente moi especial que é a das persoas con discapacidade visual, ás que lles damos unha oportunidade de ter libros na súa lingua que outras empresas non ofrecen.

—Por agora, o seu catálogo está formado por libros históricos galegos: obras do XIX e primeira metade do XX. Cal vai ser o enfoque?
Traballamos dunha maneira “case artesanal”, desde a casa e cos medios mínimos: unha computadora, tarxeta de son, micrófono, atril, unha tablet e algo de illamento acústico.

Comezamos con dez clásicos que parten do Rexurdimento, precisamente por clásicos e tamén por estaren en dominio público: é algo que nos serve para tentear a acollida dos audiolibros e como respira o proxecto sen facer unha grande inversión de entrada. Agora estamos con O castelo de Pambre de López Ferreiro, a obra que a asenta as bases da novela histórica galega. A pesar disto, o noso obxectivo sería chegar ás autorías contemporáneas como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Suso de Toro, Berta Dávila...

—Hai distintos estilos ao gravar un audiolibro? Cal é o seu?
Queremos construír un banco de locutores e ter, polo menos, unha voz feminina, aínda que agora só estea eu. Dentro do estilo: tratamos de fuxir da lectura moi interpretada e da moi lineal, xa que poden producir rexeitamento á escoita. Apostamos por unha lectura o máis neutra posíbel: con algúns cambios de ton e rexistro en diálogos, certos temas de poesía...

—Como está sendo a acollida da editora? Axudou o verán, que é propicio para ler e escoitar?
En redes a acollida superou as nosas expectativas en canto á ilusión que se percibe na xente, tamén en ámbitos como as bibliotecas, librarías, outras editoriais... A idea naceu no confinamento e foi tomando forma nestes dous anos, o do verán foi un pouco cadrada, aínda que é certo que é un tempo con máis horas de lecer (viaxes, praia...). Tamén lle demos importancia a que saíse antes do vindeiro curso, pois queremos levar o proxecto a institutos, bibliotecas...

—Hai escepticismo ao respecto dun formato que rompe coa lectura convencional?
Eu mesmo non consumía audiolibros até que empecei a traballar neles e decateime de que é unha forma distinta de lectura. Non é mellor nin peor que a lectura clásica, só complementaria: non poderiamos ler un libro mentres conducimos, ou mergullados nunha piscina. É simplemente unha maneira distinta que non compite coa outra: teño lido en papel e levarme o audio dese mesmo libro cando ía de viaxe para seguir gozando del.

Comentarios