sábado 11.07.2020

Ramiro Vidal,  “Os libros non poden ficar durmidos nos andeis das librarías, hai que movelos”

Mares de Queijo ten unha nova vida. O autor, Ramiro Vidal Alvarinho, está a presentar unha nova edición en formato libro despois de estar xa editado en papel. Os poemas sociais e políticos conxúganse con outros  máis íntimos  e persoais nunha obra que o autor escribe na súa procura da liberdade. 

Ramiro Vidal: “Os libros non poden ficar durmidos nos andeis das librarías, hai que movelos”

-Mares de Queijo está de novo en circulación. Como é esta nova vida do libro?

A primeira edición é de 2.004, cando Agal editaba a colección de libros FOZ Editora. En poucos días conseguiu bastantes descargas e máis de 300 nun só mes. Na páxina máis antiga da AGAL aínda se pode localizar. Mais tarde naceu a idea de publicalo en papel e a comezos deste ano fíxose unha primeira edición deste libro que se esgotou en pouco máis de un mes. Fixen cinco presentacións, en Ferrol, a Coruña, Compostela, Vigo e Noia. Moita xente manifestaba o desexo de telo en papel e iso, xunto coas representacións, fixo que se esgotara rápido. De feito, no mes de abril estivo na listaxe dos máis vendidos de Criticalia, o blog de Ramón Nicolás.

-Pola súa banda, tamén se aprecia o traballo para difundir a obra...

Aínda que a xestión sexa de A Porta Verde do Sétimo Andar estamos a falar practicamente dunha autoedición. Son eu quen me encargo de distribuír por librarías, argallar presentacións, publicitalo pola rede... Tento facer un labor intenso de promoción do produto. 

-O autor ten que se comprometer tan intensamente tamén coa promoción da obra?

Neste momento hai dous mundos diferenciados en canto á difusión dos libros, por unha parte está a edición convencional, industrial, na que o autor tende a se implicar menos porque a editora se encarga non só do labor de produción senón tamén de distribución e difusión e, nestes casos tende a a facerse presentacións moi contadas. Neste caso, interveñen tamén os cartos públicos porque, até o de agora, a Xunta compraba unha parte da edición. Ao meu ver, este modelo está en crise. Por outra parte está o mundo da edición independente e autoedición no que o autor pon cartos do seu peto e tenta recuperalos. Nunca pensei editar libros para que fiquen durmidos nos andeis das librarías. O libro hai que movelo e esa é unha parte da que tamén gosto. Neste caso, está a funcionar ben. Confío en que a edición se venda ao completo porque está a ter boas críticas e xente nas presentacións. 

-Por que estando o libro na rede decide logo publicalo en papel?

Á xente segue gustándolle ter o libro en papel, collelo e mesmo cheiralo. En certa medida, o consumo da cultura ten ese aquel de fetichismo. Noutras disciplinas artísticas acontece algo análogo. O mundo dixital avanza mais continúa o gusto por ter o obxecto físico, o disco, o cadro... 

-Mares de Queijo conxuga dúas dimensións poéticas, a íntima e persoal e a social e política?

A unión de todos os poemas tanto de Mares de Queijo como de Letras de Amor e Guerra é a procura da liberdade. Alén de ter outros temas que aparecen de maneira recorrente de dualidades como o conflito na relación do ser humano e o medio, a identidade colectiva e individual... a liberdade é o gran tema e o mar aparece como metáfora, como escenario onde o individuo ou mesmo os colectivos procurarían ser libres. No mar escribíronse páxinas importantísimas da historia da humanidade, a emigración, a loita contra as invasións, contra os saqueos, a loita da resistencia antifascista... O mar é o espazo onde, nalgún punto, podes atopar un lugar onde construír a liberdade a partir de algo totalmente novo, o fío condutor entre a poesía amatoria e o plano sociopolítico. 

-Algúns dos poemas teñen unha forte carga combativa...

Non é ningún acaso que moitos líderes revolucionarios cultivaran a poesía. Aí está Mao, Ho Chi Minh, Agostinho Neto, o Subcomandante Marcos... no caso dos líderes mais non hai movemento revolucionario que non teña poesía detrás. A historia do nacionalismo galego, poño por caso, é boa proba diso, en todas as etapas. O Provincialismo tivo o seu movemento literario, o nacionalismo de posguerra tamén e mesmo a xente da miña xeración ou posterior tamén fai arte para determinadas ideas. Agora, en todo caso, pode ser máis individualista, a tecnoloxía permíteche funcionar máis autonomamente. Antes era máis comunal, existían os colectivos artísticos que tiñan unha proposta estética e detrás unha actitude política. Agora semella máis difuso mais seguramente alguén que veña detrás sistematizará o que producimos e atopará coherencia. 

"A poesía necesitas  músculo, é un exercizo de forza, de contorsionismo, ás veces de ritmo. Para escribir poesía é preciso muscular o léxico e a gramática". 

-No prólogo, a escritora Elvira Riveiro falou da súa poesía como “sacudida permanente entra a luita, o abatemento e a esperanza”, concorda coa definición?

Se alguén destripou con acerto Mares de Queijo foi ela e se fai ese diagnóstico por algo será. Son unha persoa que necesita ser política e sentirse política e as veces non podo evitar o desencanto, a desazón, e danme tamén ataques de optimismo desmedido. Ás veces na loita aparecen eses altos e baixos, como unha montaña rusa que che produce eses sentimentos. 

-A poesía forma entón parte da súa posición política?

Forma parte da miña intervención. Ás veces estou organizado e ás veces non mais teño sempre unha visión política do momento en que vivo e sinto a necesidade de pronunciarme. Outra faceta da miña actividade literaria e política é escribir artigos de opinión. Trato de utilizar unha linguaxe literaria, que procure a beleza, e ao tempo non perdo de vista a cuestión teórica e ideolóxica. Non me dou licencias de libre pensador, os meus artigos de opinión están cargados de política. 

-Nesa posición, que poetas serían os que vostede situaría como referentes? 

Resúltame complicado sinalar as referencias, agora, na miña vida e traxectoria teño que sinalar o forte impacto de Celso Emilio Ferreiro, de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Carvalho Calero, Guerra da Cal. A estes dous últimos cheguei máis tarde. Fóra do sistema literario galego sinalaría algún poeta americano como Dylan Thomas, Withman ou o latinoamericano Benedetti, Agostinho Neto ou os textos políticos cargados de poesía como a obra de Mao. Tamén outras artes como o hip hop, hardcore ou o heavy que son movementos musicais que me influíron á hora de poetizar. 

-Non é habitual que un poeta se manifeste influenciado polo heavy na súa obra. 

Non é que teña especial vontade de aparecer como o poeta dos heavy mais as letras son moi coidadas e, polo xeral, requiren un traballo de cultivo moi grande. Penso nas letras de Iron Maiden ou Metallica e, á marxe das referencias, hai un traballo literario detrás. 

-Nun texto no que falaba de poesía referíase ao xénero como “a forma máis atlética da literatura”, a que quería referir?

A poesía necesitas  músculo, é un exercizo de forza, de contorsionismo, ás veces de ritmo. Para escribir poesía é preciso muscular o léxico e a gramática. 

-A súa traxectoria literaria está vinculada ao colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Que supón pertencer a un grupo coa poesía como nexo?

Nace como escisión doutro colectivo que operaba en Vigo e que se chamaba formas difusas no que unha parte escribía en galego e outra en español. A parte que escribía en galego decidiu independizarse, exercer a autodeterminación de maneira práctica. Como colectivo de poesía en galega estaba composto por poetas como Alfonso Lauzara, Cruz Martínez, Luís Viñas ou Rosa Martínez, xente de Vigo que coincide con Alberte Momán , que é o pai da idea. Eu era moi activo na Biblioteca Virtual Galega e entro no colectivo a partir de aí. Publicaba, como outras persoas, na sección de novos que foi un viveiro para xente da poesía que hoxe é referencial. No inicio organiza encontros poéticos que pasan logo a ser interdisciplinares, como unha plataforma para coñecer a xente. Máis tarde inicia a publicación de cadernos para darlle voz á xente que fai cousas interesantes e non tería outra forma de editar. Agora toma forza a parte editorial e fanse menos encontros artísticos.

comentarios