Ánxel Casal-García Lorca, Delgado Gurriarán ou Vergara Vilariño: A RAG elixe esta sexta feira o homenaxeado das Letras Galegas 2022

Lorca e Ánxel Casal preséntanse nunha candidatura conxunta que pretende poñer o foco sobre o eido da edición a través do labor de Casal.
De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Delgado Gurriárán, Vergara Vilariño, Casal e García Lorca.
photo_camera De esquerda a dereita e de arriba abaixo, Delgado Gurriárán, Vergara Vilariño, Casal e García Lorca.

O Pleno da Real Academia Galega (RAG) decide esta sexta feira 2 de xullo quen será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2022.

Farao nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as tres candidaturas presentadas por membros de número da institución: a de Florencio Delgado Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987), escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México; a de Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952 – Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo; e a protagonizada por Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895 – Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo.

Unha proposta singular

A proposta máis singular é a presentada por Manuel Rivas, Chus Pato e Xosé Luís Axeitos: unha candidatura conxunta de Federico García Lorca (como autor dos Seis poemas galegos) e do seu editor, Ánxel Casal. Segundo os promotores da proposta, ademais de celebrar os versos de Lorca, un Día das Letras arredor do autor granadino e do seu editor galego, permitiría centrar a celebración no eido da edición a través do labor de Casal, fundador dos selos Lar e Nós e incansábel impulsor de todo tipo de iniciativas a prol da lingua. Segundo Castelao, “Casal por Galicia fixo máis do que todos nós”. 

Os académicos aínda argumentan o exemplo ético de ambos personaxes e o relativo esquecemento da obra en galego de Lorca, menos coñecida que o resto da súa obra.  

Calidade cultural e humana 

O Regulamento de Réxime Interno da Academia establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro. A normativa indica que esta debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasasen dez anos desde a súa morte e que a candidatura estea avalada cando menos por tres membros de número da Academia. 

Os académicos e académicas de número reuniranse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique o resultado da votación sobre o Día das Letras Galegas de 2022.
 

Comentarios