Galiza Cultura parabeniza a RAG pola escolla de Ánxel Casal como candidato ás Letras galegas de 2022

Considera que a figura de Casal xustifica por si soa un ano de celebracións en tanto que figura senlleira e fundamental para comprender o enorme avance da lingua e das letras galegas no primeiro terzo do século XX. 
Casal Cortes Estatuto
photo_camera Presentación do Estatuto de Galiza nas Cortes españolas. Ánxel Casal é o terceiro pola dereita. (Foto: Cedida)

A Federación Galiza Cultura vén de amosar a súa satisfacción pola elección de Ánxel Casal como un dos candidatos para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022 e parabeniza á Real Academia Galega pola escolla. Galiza Cultura considera que a figura de Casal xustifica por si soa un ano de celebracións en tanto que figura senlleira e fundamental para comprender o enorme avance da lingua e das letras galegas no primeiro terzo do século XX. 

Anxel Casal (1895-1936) destacou polo seu labor como editor. Creou as editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos e, posteriormente, creou a editorial Nós. 

Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Manoel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, … e con el colaboraron ilustradores da talla de Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Ademais, da súa imprenta saíron publicacións como Nós ou A Nosa Terra.

O seu labor como editor e impresor resultou fundamental para o desenvolvemento do galeguismo do seu tempo, até o punto de que Castelao chegou a dicir que "Casal por Galiza fixo máis do que todos nós”.

Casal uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego das Irmandades. Foi militante do Partido Galeguista desde a súa fundación e foi elixido como alcalde de Compostela desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo, data na que todos os concelleiros galeguistas dimitiron dos seus cargos. 

Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asistiu á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto.

Vicepresidente da deputación coruñesa e do comité executivo para o Estatuto, foi un incansábel traballador a prol da aprobación deste. O 16 de xullo, Ánxel Casal entregaba nas Cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño.

Após o golpe de estado de xullo de 1936, Casal fuxiu para Vilantime, parroquia de Arzúa, e foi detido o 4 de agosto. O día 19 o seu corpo aparecía xunto ao de José Areosa Devesa nunha gabia da estrada de Cacheiras.

Comentarios