Unha antoloxía rescata a obra do poeta louzarín

O berro afogado de Fiz Vergara Vilariño

Fiz Vergara Vilariño (1953-1997) foi un deses poetas que constrúen un mundo propio. E fano cos materiais que teñen máis a man, no seu caso a terra da Lóuzara Xabreira, a soidade existencial, o berro afogado. Non abundan, pero ás veces deveñen emblemas. Outras non e a desmemoria aprópiase da súa obra. Parece o caso de Vergara Vilariño, cuxa poesía rescata agora a antoloxía Non deixes que a tardiña me sorprenda.
Fiz Vergara Vilariño, o autor ao que este premio rende homenaxe.
photo_camera O poeta Fiz Vergara Vilariño nunha foto de mocidade. Imaxe: editorial Galaxia.

Publicada por Galaxia baixo coidado do profesor e filólogo Yago Rodríguez Yáñez, a obra percorre os sete libros do autor de Nos eidos da bremanza, todos fóra de catálogo na actualidade. Cento vinte e dous poemas, un estudo introdutorio e 303 páxinas devolven ás librarías “un poeta por descubrir”. Así o define o editor en conversa con Sermos Galiza, quen atribúe maiormente esta circunstancia á resistencia do escritor a frecuentar “círculos literarios ao uso”.

fiz vergara vilariño antoloxía

Fiz Vergara Vilariño nacera ao pé do río Lóuzara, na parroquia de Santalla, Concello de Samos. Aínda que fixo estudos de bacharelato en Sarria, Madrid e Lugo, onde contactou con poetas da súa xeración como Xavier Rodríguez Barrio ou Xulio López Valcárcel, pasou a vida na casa familiar. “Este, o poeta máis exquisito, o poeta máis íntimo, cunha biblioteca extraordinaria, illado polas neveradas”, relata Rodríguez Yáñez, “tivo ademais problemas de comunicación debido á enfermidade física. Por veces non era quen de articular palabra”. Unha distonía muscular, causada por unha caída cando neno, que condicionou tamén a súa escrita.

“A terra foinos sempre / ingrata e cativa, / i engulíunos a espranza con fame de lobo e caimán”, dicía nun poema do seu traballo chave, Orfo de ti en terra dentro (1976). “É o libro en que por primeira vez se entende a personalidade do poeta”, explica o antólogo. Antes publicara Pra vós (1971) e Encontro cos tiburós (1973), que a crítica encadra na historicamente deostada escola social realista, e fixera parte do polémico, polas mesmas razóns, volume colectivo Os novísimos da poesía galega (1973) de María Victoria Moreno. Pero en 1976 todo mudou.

Foi o ano de Con pólvora e magnolias e o célebre cambio de rumbo da poesía galega. “Publicáronse libros tan importantes como Mesteres, de Arcadio López Casanova, ou Seraogna, de Alfonso Pexegueiro, pero nunca se cita Orfo de ti en terra adentro”, sinala, “coa súa linguaxe inesquecíbel, o louzarín da Lóuzara Xabreira, a soidade, toda unha cosmogonía”. E un existencialismo que tamén adquire, sobre todo na segunda parte, trazos colectivos: “¡triste color da Espranza / a enfeitar a tomba dunha patria / en desamparo!”.

val de lóuzaraMais é xustamente a vizosidade léxica de Vergara Vilariño, e a súa concreción local, unha das características que máis salienta Rodríguez Yáñez. “O seu uso da lingua parte da sinxeleza e convértese en transcendente. Nunca é impostado. É un poeta ao tempo clásico e innovador”, opina. E con grande habelencia para o metro medido, especialmente o soneto. “Eu ficarei leixado na negrura / agradando tristeiro como a espiga / agarda a chuvia maina que a madura”, afirma no poema III de Nos eidos da bremanza.

A traxectoria do poeta, de quen o seu editor menciona ademais Poeta muiñeiro á deriva (1982) e o raro optimismo de Pastora de sorrisos (1993) entre as obras que del prefire, debeulle moito “ao impulso e case ao mecenado de Xesús Alonso Montero”. E a tres poetas dos que se nutriu como autor: Manuel María, Ramón Cabanillas -de quen estudou a súa estadía en Samos- e Antón Tovar. Con este último comparte ademais seriedade e delicadeza, unha contundente oposición á existencia tal e como era, certa esperanza desesperada, o seu “sufrimento absoluto”.

“Respecto da súa obra existe certo desleixo académico. Outros autores de menor calidade teñen máis relevo. Pero ás veces poetas esquecidos agochan un tesouro. En realidade é un dos grandes clásicos da literatura galega”, conclúe finalmente Yago Rodríguez.

Nota: cuberta da antoloxía de Fiz Vergra Vilariño publicada por Galaxia e imaxe do Val de Lóuzara, en Samos.

Comentarios