A RAG abre unha fiestra ao Entroido coruñés de 1916

O arquivo da Real Academia Galega conserva unha serie de fotos dun Entroido marcado por un bando municipal que prohibiu os “disfraces contrarios a la decencia” e outras medidas que desposuían a celebración do seu carácter propio.

Carroza da Liga de Amigos inspirada na antiga Grecia
photo_camera Carroza da Liga de Amigos inspirada na antiga Grecia

En febreiro de 1916 o concello da Coruña emitiu un bando que prohibía, entre outros detalles propios da natureza carnavalesca, "los disfraces contrarios a la decencia y los trajes o atributos de autoridades o de funcionarios de los órdenes civil, militar o eclesiástico", que os homes se disfrazasen de mulleres e as mulleres de homes, que as máscaras se detivesen na rúa ou guindar ovos recheos de confetes ou calquera clase de obxectos para "evitar molestia a las personas". Tamén se prohibían as coplas e os cantares non consignados nos orixinais autorizados polo goberno civil nunha norma encamiñada a privilexiar unha celebración refinada baseada en desfiles de carrozas que circularía por espazos acoutados.

 O Entroido designa o período que precede a Coresma, durante o que se celebran festas populares con máscaras, comparsas ou bailes, e tamén as festas propias deses días. Sexan de orixe relixiosa ou pagá, estas celebracións asumiron un rol de inversión social case transgresor, a través do disfrace e a mascarada, a sátira ou as enchentes.

 

Laicizar e desmitificar

Pero o realismo grotesco do Entroido tardomedieval e renacentista bateu co xurdimento da sociedade burguesa, que paulatinamente tentou laicizar e desmitificar a súa entidade, procurando convertela nunha cerimonia desposuída do ton satírico, cómico e pantagruélico e que visibilizase o novo status das elites. Un deses intentos quedou inmortalizado na serie de fotografías que conserva o arquivo da Real Academia Galega correspondente ao Entroido coruñés dos primeiros anos do século pasado, e que se pode consultar no web da RAG e tamén está dispoñible en Galiciana - Arquivo Dixital de Galicia.

A colección de fotos do arquivo da RAG que ilustra aquel Entroido pertence ao fondo persoal de Manuel Casás, o rexedor que asinou bando, futuro membro da Academia e presidente da mesma entre 1942 e 1960.

Comentarios