Radiofusión abre unha votación para escoller o “Libro galego de 2021”

O proceso participativo aberto por esta asociación poderá realizarse a través das redes sociais. Os 40 títulos que entrarán formaron parte durante o ano do programa radiofónico “Clube de leitura”.

libros
photo_camera libros

A programación das emisoras de radio municipais galegas (Radiofusión) iniciou esta segunda feira un proceso participativo para escoller antes do remate deste 2021 o "Libro galego do ano".

Oíntes da radio e internautas poderán votar entre os 40 títulos propostos que foron os abordados ao longo do exercicio no programa "Clube de leitura" que todas as semanas emite a rede galega da radio local.

Para poder participar empregarán as súas redes sociais de twitter (Radiofusionga e Radio Fene) facebook (Radiofusión e A Fenestra de Radio Fene) e Instagram (Radio Fene).

Como agasallo, entre as persoas participantes sortearanse 5 lotes de 5 libros cada un. O período de votación está aberto ata as 12 horas do xoves 30.

A sexta feira 31 de decembro darase a coñecer o Libro Galego do Ano 2021 e máis as 5 persoas participantes afortunadas que recibirán o agasallo.

Clube de leitura

O programa radiofónico "Clube de leitura" é un espazo de divulgación do libro. A súa proposta é captar novos públicos para a literatura galega a través das ondas. O seu formato emprega un diálogo sobre un libro "cara a cara" entre persoas lectoras e a autora ou autor.

No transcurso de 2021, gravouse o programa nos estudos de Radio Fene, Radio Culleredo, Ames Radio e Radio Redondela. Emítese todos as quintas feiras a través das emisoras municipais pero tamén se pode escoitar o podcast na web www.radiofusion.gal

Os libros preseleccionados

As obras que foron preseleccionadas e polas que se pode votar son: “Pasaba por alí e quedei un intre (Xoan Rubia), “O cervo e a sombra” (Diego Ameixeiras), “Infamia” (Ledicia Costas), “Encanta se ir, conmove se chora” (Anxos Garcia e Glafira Fernández), “Medos” (Héctor Carre), “Baixo as alas de abril” (Xoaquín Fernández Leiceaga), “O conserxe” (Xosé Luís Vázquez Somoza), “A vida secreta de Úrsula B” (Arantza Portabales), “Lara e Sabela” (Ignacio Vidal Portabales), “O cuarto de Jane” (Charo Pita), “A folla azul” (Andrea Maceiras), “Flores de ferro” (Maria Rei Vilas), “Quérote canto” (Eva Veiga e Baldo Ramos), “Santoamaro” (Antonio M. Fraga), “O escultor” (Rafael Catoira), “O asubío do avó” (Angeles Goás e Leandro Lamas), “O baile de estorniños” (Xavier Quiroga), “Contos de obxectos” (Manuel Bragado e Daniel Puente), “Reboiras” (Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro), “Soldados forzosos” (Francisco Leira), “Nación-mar” (Xosé Iglesias), “Canción para Ana Lúa” (Xavier Seoane), “Contrahistorias de Galicia” (Antonio Reigosa), “O estado intermedio” (Rexina Vega), “Nus (Manuel Gago), “Dicionario irreal para un país imposible” (Xavier Seoane), “Movendo os marcos” (Marilar Aleixandre e María López Sández), “Aproximacións a Manoel Antonio” (Xosé Luís Axeitos), “O porco de pé” (Vicente Risco-Raquel Vila-Amado e Tomás González como editores), “Os paxaros e outros poemas” (Daniel Salgado), “Non cantan paxaros neste bosque” (Carlos Negro), “Irmandiñas” (Aurora Marco), “Idioma e sociedade” (Xosé Ramón Freixeiro Mato), “Cantares Gallegos” (Rosalía de Castro-Anxos Garcia Fonte editora), “Cando soa a buguina” (Henrique Rivadulla "Corcón"), “Mar de mazá” (Elvira Ribeiro), “Feliz idade” (Olga Novo), “O smoking de Federer” (Felipe Barata), “Illa Decepción” (Berta Davila) e “Un señor elegante” (Suso de Toro).

Comentarios