O MARCO de Vigo expón a serie 'Containers' do artista compostelán

Quintana Martelo e as ruínas do futuro

Quintana Martelo traballa desde 2021 nunha serie, Containers, que toma como motivo os colectores que atopa nas rúas das cidades que visita. Unha mirada sobre os restos das urbes, antes vistas como emblema da modernidade. A serie, practicamente inédita, pode verse agora no MARCO de Vigo. 
Lope de Vega, 35, de Quintana Martelo. (Foto Colección particular)
photo_camera Lope de Vega, 35, de Quintana Martelo. (Foto: Colección particular)

Dicía Walter Benjamin de Baudelaire que fora “facer botánica ao asfalto”. Con Baudelaire, a cidade comeza a ser a protagonista da poesía e da arte, e o artista transfórmase nun flâneur, un paseante aparentemente ocioso que observa e, de volta á casa ou ao taller, crea. 

A exposición que vén de inaugurarse no Marco de Vigo e que poderá verse até o 27 de febreiro de 2022, Manuel Quintana Martelo. Containers, podería ser o testemuño da última reencarnación desa figura do flâneur, só que agora a cidade xa non ten o halo fundacional que tiña na época de Baudelaire. Xa non anuncia ese tempo novo que inauguraría a modernidade: ao contrario, o moderno comeza a perder atractivo e o urbano, tal e como se entendía até o de agora, comeza a observarse como algo do pasado, unha etapa que é necesario deixar atrás ou, polo menos, refundar. 

Durante os últimos anos, Quintana Martelo realizou unha serie de obras no que o motivo principal son os colectores das cidades que visita. A mostra do Marco expón esta serie practicamente inédita a carón de bosquexos preparatorios, debuxos e acuarelas, que permiten coñecer o proceso creativo do artista. Segundo o comisario da exposición, Juan Manuel Bonet, poden ser vistos como “presenzas escultóricas” ou como “bodegóns urbanos”.

Guy Debord -o pensador que levou a actividade do flâneur á práctica política- escribía, citando a Marx: “A xente non ve nada ao seu redor que non sexa a súa propia imaxe; todo lles fala de si mesmos”.

Talvez definilos como bodegóns sexa adecuado, mais uns bodegóns que falan da cidade como restoballo, testemuñas mudas dunha estrutura que se achega á súa fin. 

Unha cidade é moitas cousas, mais tamén é un mapa mental, unha estrutura de percepción e pensamento: Guy Debord -o pensador que levou a actividade do flâneur á práctica política- escribía, citando a Marx: “A xente non ve nada ao seu redor que non sexa a súa propia imaxe; todo lles fala de si mesmos”. 
Que os colectores sexan o reflexo dunha sociedade parece demasiado elocuente como para facer comentarios: a fin do soño do crecemento continuo xa se encarga e poñer os límites ao optimismo. En certo sentido, Quintana Martelo está pintando as ruínas do porvir.

Especulación sobre o futuro

Non obstante, a mirada que posúe a perspicacia de atopar unha imaxe que resume o estado das cousas, é quen de ver tamén eses indicios de beleza que permiten que o artista continúe a facer unha crítica simbólica sen perder de vista a función do seu traballo. Os colectores son o resto de algo que non coñecemos, que só logramos intuír. E ese misterio é a sombra dos medos e as  angustias que nos asexan desde o pasado, mais tamén permiten a especulación sobre un futuro menos sombrío.

A serie de Quintana Martelo tamén ten un algo de rexistro compulsivo dunha realidade inaprehensíbel, condenada á desaparición.

Rexistro da realidade

A serie de Quintana Martelo tamén ten un algo de rexistro compulsivo dunha realidade inaprehensíbel, condenada á desaparición. A inclusión da imaxe fotográfica nestas obras redunda nese prurito de deixar constancia de que o modelo existiu. E tamén iso ten a ver co noso tempo, tan fascinado por documentar calquera cousa que anuncie a súa caducidade: ou sexa, todo o material. 

De feito, hoxe a aguda visión do flâneur foi xa substituída pola mirada alelada do turista: quizais non é unha fantasía predicir un novo "turismo de colectores" buscando algo que poida ofrecer un significado polas rúas das nosas cidades. 

Se cadra, este arquivo artístico será o que poida dar fe no futuro dun mundo que hoxe percibimos en decadencia: a ruína que habitamos. 

Comentarios