Os Quinindiolas, o pecado de chegar antes de tempo

Trío fulcral no rock galego, deixou un único EP, cinco temas gravados integramente en galego, en 1991 e que non verían a luz até o 2009, cando o grupo compostelán levaba 15 anos desaparecido. Trío. Como The Jam e Run DMC, a ver se nos entendemos.

quinindiolas

Nunha entrevista na raíña das radiofórmulas, ‘Los 40 Principales’, Antón Reixa dábase o luxo de afirmar, e era 1993, que iso da mestizaxe musical “era pasado”. Naquel ano o termo aínda estaba a comezar a se popularizar no estado español mais o frontman de Os Resentidos daba por amortizada unha concepción musical que os vigueses levaban practicando unha década. Non foron os únicos. Breves e intensos, Os Quinindiolas (1988-1992) xa foran pioneiros navegando a gusto  por eses mares e sen o mínimo interese en fixar ou crear modas. Facían valer aquel “Escribe nas paredes / as modas non molan” que cantaban en ‘Mentiras’.

A orixe dos Quinindiolas (tamén vale Kinindiolas) non é ningún segredo. Está en ‘Favorita’, un colectivo da que facían parte entre outros Xelís de Toro e Pepe Sendón, dous cus inquedos metidos en mil e un proxectos naquela Compostela de finais dos 80, desde fanzines e perfomances até grafittis. De aí xorde o proxecto Trilateral, un ‘grupo de afinidade’ [como na mellor tradición anarquista] entre artistas de Santiago, Porto e Barcelona á que máis tarde se uniría Milan, cidade que naquela altura aínda lambía cicatrices do ‘Outono Quente’ que tanto a amara.

Os italianos fixéronse na Europa do Leste cunha máquina de prensar vinilos e iso vai xerar unha pequena revolución: Trilateral decide gravar un disco comunitario e colectivo. Pepe Sendón é o encargado de coordenar a canción que se achega desde  Galiza, ‘Esperando o meu amigo’.

Dálle

Integrantes da Favorita comezan a frecuentar local de ensaio e con instrumentos prestados ensaian e compoñen algúns temas. A Pepe Sendón e Xelís acompáñanlles Óscar e Xoán. Un cuarteto que é o que se presenta ao concurso de maquetas ‘Racha coas Ondas’ de TVE-Galicia, por onde pasaron tamén, entre outros, Os Raiados.

Acoden a unha cita da Trilateral en Barcelona acompañados de Nicho Varullo, outro nome para pór no marco dourado do rock galego, nunha viaxe que marcará cambios de calado. Francisco Pérez, Narf, baixista dos Nicho, pasa a selo tamén dos Quinindiolas. Comezan os Kinin a se dotar dun repertorio e aumentar o número de concertos

Os Quinindiolas son agora trío: Xelís, Pepe e Narf. As orellas e ollos abertos fan que dean un salto xigante. A enerxía dos Jam e Clash e o descaro dos primeiros Sex Pistols que marcaban a súa música vanse enriquecer e alargar con novos sons e dimensións, como Run DMC ou mesmo Public Enemy. Novas enerxías para alimentar un ADN negro que nunca agocharon.  Demostran que unha outra cousa diferente é posíbel. Entón, no seu mellor momento, é cando gravan o seu único traballo (para alén de colaboracións nalgún repertorio), un EP de 5 temas integramente en galego. Gravado nos estudos Sitar de Pontevedra por Antonio Vázquez. Non se editou até case dúas décadas despois, en 2009 e da man de A Regueifa Plataforma.

Os Quinindiolas desaparecerían pouco despois daquela gravación. Xelís de Toro marcha para Inglaterra e Pepe Sendón e Narf centran os esforzos noutro proxecto, a apertura da Sala Nasa. Así, como quen non quere a cousa, botou o pecho o grupo que mellor aireou a casa do rock en galego.

Cinco

O EP gravado polo Quinindiolas teno todo: paixón, lucidez, calidade e aquel. Letras de nivel e o punto de mira posto en novos sons. O traballo ábrese con ‘Un home animal’, a querencia rap a inundalo todo mentres a voz por momentos parece tomada por James Brown (“Son de sangue quente / son de sangue frío”).  ‘Algo hai que comer’ asinaríana The Jam sen dubidalo un segundo. Desde o riff inicial até os fraseos de Xelís (“Hai pirañas no meu corazón”).

O EP entra entón no rock con ‘Nen Jeckyll nen Hyde’. “Quen che dou a chave para entrar en min?” cantan xogando cos cambios de voz e ritmo. “Ti es a vítima inocente / eu o verdugo sen compaixón”. Volve o rap en ‘Mentiras’, o tema que interpretarían no ‘Sitio Distinto’ de Reixa onde uns hieráticos Pepe e Narf dan o contapunto a un Xelís entre Iggy Pop e Chuck D. “Unha imaxe non vale mil palabras / son todo orellas e son todo retinas”. Reixa presentáraos como “o único poder sonoro que fai tremer a campá da Berenguela”. O disco pon o ramo con ‘Faime mal’. Inicio power pop para proclamar que “eu non quero ir ao ceo / a eternidade faime mal”.

“O rock é desviarse da norma”, dixera Don Van Vliet (aka Captain Beefheart), un que cantaba quinindiola. “Meu dito, meu feito” deberon pensar Os Quinindiolas. 

Comentarios